----

O traballo fotográfico de Mary Quintero centra unha xornada do Consello da Cultura Galega

A luz que alumea a vida é o título da xornada coa que a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) quere centrar o foco nunha fotógrafa viguesa tan descoñecida para o público como destacada foi na súa profesión. Mary Quintero (Melide, 1931) é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia e unha retratista preocupada pola iluminación e uso de novas técnicas. A cita terá lugar mañá xoves en Santiago co obxectivo de visibilizar o traballo de mulleres que, como ela, están a pasar desapercibidas no mundo da imaxe. A xornada complétase cunha exposición nas instalacións do CCG que exhibe algunhas das fotografías e materiais que marcaron a súa traxectoria e que comentará a propia Quintero.

Encarna Otero e María Xosé Porteiro son as coordinadoras dunha xornada que pretende visibilizar e, ao mesmo tempo, homenaxear o legado dunha das primeira profesionais da fotografía que se iniciou no mundo da imaxe moi nova. “Pretendemos destacar o seu traballo como fotógrafa retratista, sempre preocupada pola iluminación e pola innovación, pero tamén polo seu carácter emprendedor, que chegou a ter un negocio cunha ducia de empregados” explica Encarna Otero. Ademais, os seus retratos serven de testemuño de vidas, persoas, épocas e mudanzas do Vigo da segunda metade do século XX.

O programa: do pasado ao presente
A xornada ten tamén outro interese, que é o de servir de espazo de coñecemento, de reflexión e de debate, para, dándolles visibilidade a mulleres, moitas delas pioneiras, que traballaron na fotografía, analizar e descubrir os retos e dificultades das profesionais da imaxe nos seus traballos e que se aprecia na sesión científica que terá lugar na mañá do 29. A súa filla Marta abre os relatorios cunha intervención orientada a situar o traballo persoal e profesional desta creadora. Deseguido, a xornalista Carme Vidal moderará unha mesa en que participan a fotógrafa e investigadora Natalia González Devesa, a reporteira gráfica Nerea Paños, a artista e realizadora experimental Xisela Franco e a fotógrafa Rosa Figueroa. “Isto sérvenos de posta en común dos retos que tiveron mulleres como Mary Quintero pero que seguen a permanecer nas mulleres que traballan nesta área a día de hoxe e que, ou teñen que emigrar, ou son pouco coñecidas e menos aínda recoñecidas” asegura Encarna Otero.

A sesión da tarde arrinca coa participación de Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, quen ofrecerá unha cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta que se publica no Álbum de mulleres) con información exhaustiva de Quintero. Posteriormente terá lugar unha mesa de reflexión e debate que presenta Xosé López García, e na que interveñen Vitor Vaqueiro Foxo, Roberto Quintero e María Mercedes Vega. Os relatorios da xornada conclúen coa conversa que manterá a xornalista e escritora Ana Guantes coa propia Mary Quintero, que lle permitirá poñer voz aos seus retratos e coñecer en primeira persoa o seu legado.

A mostra A luz que alumea a vida
Como peche da xornada, a propia Mary Quintero fará un percorrido comentado a través de fotografías, materiais e documentos que conforman unha pequena exposición organizada para a ocasión. Co mesmo titulo que a xornada, A luz que alumea a vida, a mostra permite ver positivos, follas de contactos así como varias cámaras que empregou a artista durante a súa traxectoria.
A imaxe en Mary Quintero
Naceu entre fotografías xa que os seus pais tiñan un estudo fotográfico en Melide, o que lle permitiu coñecer a técnica desde moi nova. Con todo, non foi unha autodidacta; tras rematar os seus estudos de bacharelato trasladouse a Madrid para se formar con Pedro Jaraba e co pintor Carlos Pascual de Lara cos que perfecciona o debuxo, pero tamén a súa preocupación constante pola luz. Desa aprendizaxe xestouse a exposición “Nuevos horizontes de la fotografía”, que inaugura no Círculo das Artes de Lugo en 1948. Tiña 17 anos e esa mostra ábrelle a porta de numerosos encargos da alta sociedade, dentro e fóra de Lugo.

O seu traballo comeza a ter sona rapidamente e multiplícanselle os encargos de retratos sen que descoide a súa continuada formación nas novas técnicas fotográficas. Participa en xornadas, convencións e recibe numerosos galardóns, entre eles un premio Kodak, grazas ao que viaxa por Rochester, Chicago e Miami.

A finais dos oitenta, realiza as fotografías dos carteis publicitarios de candidatos á presidencia da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne e Xosé Manuel Beiras Torrado, entre outros políticos. Desta época destaca, entre os seus traballos profesionais, a campaña publicitaria que fixo para as liñas aéreas AVIACO.

Con setenta anos xubílase e deixa a súa filla María á fronte do negocio familiar. Non supón unha ruptura coa súa traxectoria, xa que continúa asistindo a seminarios e conferencias. Tamén continúa recibindo premios e recoñecementos, entre eles a Medalla de Bronce de Galicia no ano 2002 e a Medalla de Ouro da Comunitat Valenciana.

Outras noticias que te poden interesar: