----

A xornada de Mary Quintero valoriza as creadoras da imaxe

“A presenza da muller no ámbito da fotografía en Galicia é historicamente moi escasa”, destacou María Xosé Agra na inauguración da xornada “Mary Quintero. A luz que alumea a vida”, que tivo lugar hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita analizou e comentou a traxectoria desta creadora que fixo a súa primeira exposición con 16 anos e foi unha innovadora na técnica fotográfica. O seu traballo está presente tamén a través dunha exposición montada nas instalacións do Consello ata a vindeira semana. O presidente do CCG, Ramón Villares, salientou na inauguración o traballo da Comisión de Igualdade e a intención de seguir incidindo na análise da fotografía como un modo de entender a acción colectiva. Anunciouse tamén que na vindeira edición a homenaxeada será Kathleen Nora March (Nova York, EEUU) .

A coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Porteiro, lembrou que na época de Pacheco, Ksado ou Ferrol non hai mulleres que destacasen nesta profesión e hai que esperar ata os oitenta para que a presenza do muller sexa algo común e notorio. Unha realidade á que atendeu a mesa redonda coordinada por Carme Vidal. Nela, Natalia González fixo un repaso histórico polas orixes da fotografía atendendo a mulleres como María Cardarelly (a fotógrafa de Rosalía de Castro), Cándida Otero, Carmiña Casado, Corona González ou Lola Magno, auténticas pioneiras nestes campo. Nerea Paños falou da imaxe da muller nos medios, que definiu como distorsionada pola súa hipersexualización. Foi a artista e realizadora experimental Xisela Franco quen abordou a situación da muller no mundo do cinema e deu cifras “son dese 7% de mulleres que se dedican en España ao cinema e o 15% en Europa”, apuntou. Completou a sesión Rosa Figueroa, falando da formación académica do ámbito fotográfico.

Mary Quintero: vida e obra
Unha das fillas de Mary Quintero, Marta Álvarez, fixo a primeira aproximación ao legado persoal da homenaxeada cun relatorio en que debuxou o perfil dunha nai e profesional. O seu fío retomouse pola tarde coa participación de Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, quen presentou a cartografía (unha mostra documental en profundidade dunha personalidade concreta que se publica no Álbum de mulleres) que recolle información exhaustiva de Quintero. Esta cartografía ten un valor especial para o Álbum de mulleres xa que ningunha das 123 entradas deste proxecto se dedicou á fotografía.

O catedrático Xosé López García presentou e moderou unha mesa en que participaron o fotógrafo Vítor Vaqueiro, Roberto Quintero e María Mercedes Vega, que reflexionaron sobre a fotografía en Galicia.

O aspecto máis emotivo da xornada chegou da man da entrevista que a xornalista Ana Guantes mantivo publicamente con Mary Quintero e que lle permitiu poñer voz aos retratos e coñecer en primeira persoa o seu legado.
A mostra A luz que alumea a vida
Como peche da xornada, Mary Quintero fixo un percorrido comentado a través de fotografías, materiais e documentos que conforman unha pequena exposición organizada para a ocasión nas instalación do Consello da Cultura Galega Positivos, follas de contactos así como varias cámaras que empregou a artista durante a súa profesión conforman esta pequena exposición que se poderá ver ata a vindeira semana.

A vindeira edición: Kathleen Nora March
Tamén se avanzou que A investigadora Kathleen Nora March (Nova York, EEUU) será a vindeira muller na que a Comisión de Igualdade centrará o seu traballo. Filóloga, hispanista, e catedrática de Linguas Modernas da Universidade de Maine foi pioneira na investigación da cultura galega e dos estudos galegos no mundo universitario dos Estados Unidos. March ten unha ampla traxectoria na defensa e difusión da nosa cultura no ámbito internacional, tanto no marco da Asociación de Estudos Galegos orixinariamente coñecida como Galician Studies Association como pola súa traxectoria investigadora.

A imaxe en Mary Quintero
Naceu entre fotografías pois os seus pais tiñan un estudo fotográfico en Melide, o que lle permitiu coñecer a técnica desde moi nova. Con todo, non foi unha autodidacta; tras rematar os seus estudos de bacharelato trasladouse a Madrid para se formar con Pedro Jaraba e co pintor Carlos Pascual de Lara, cos que perfecciona o debuxo e tamén a súa preocupación constante pola luz. Desa aprendizaxe xestouse a exposición “Nuevos horizontes de la fotografía”, que inaugura no Círculo das Artes de Lugo en 1948. Tiña 17 anos e esa mostra ábrelle a porta de numerosos encargos da alta sociedade, dentro e fóra de Lugo.

O seu traballo comeza a ter sona rapidamente e multiplícanselle os encargos de retratos sen que descoide a súa continuada formación nas novas técnicas fotográficas. Participa en xornadas, convencións e recibe numerosos galardóns, entre eles un Premio Kodak, grazas ao que viaxa por Rochester, Chicago e Miami.
A finais dos anos oitenta, realiza as fotografías dos carteis publicitarios de candidatos á presidencia da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne e Xosé Manuel Beiras Torrado, entre outros políticos. Desta época destaca, entre os seus traballos profesionais, a campaña publicitaria que fixo para as liñas aéreas AVIACO. Con setenta anos xubílase e deixa a súa filla María á fronte do negocio familiar. Non supón unha ruptura coa súa traxectoria posto que continúa asistindo a seminarios e conferencias. Tamén segue recibindo premios e recoñecementos, entre eles a Medalla de Bronce de Galicia no ano 2002 e a Medalla de Ouro da Comunitat Valenciana.