----

A perspectiva dos coleccionistas e o mercado da arte pechan mañá as xornadas do Consello da Cultura

“O mercado da arte moveu en 2013 arredor de 336 millóns de euros en España, o 75% desas transaccións fixéronse en galerías privadas e, con todo, a arte e o coleccionismo segue a valorarse como algo reducido a certos grupos” afirmaba Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo na primeira conferencia das xornadas “Arte+Coleccionismo” que se desenvolven no Consello da Cultura Galega. A cita conclúe mañá coa presenza de Pilar Citoler, unha das coleccionistas españolas máis destacadas do mundo da arte, xunto cos directores de coleccións como a Patricia Phelps de Cisneros e feiras artísticas como ARCOmadrid. A xornada foi inaugurada por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura e María Luisa Sobrino, responsable da sección de Creación e Artes Visuais, organizadora da cita, que destacaron a importancia da arte e do coleccionismo na cultura dun país.

A primeira sesión estivo encamiñada a trazar o marco xeral do coleccionismo en España desde un punto de vista xeral coas achegas da investigacións da Fundación Arte y Mecenazgo, e desde un punto de vista máis concreto coas intervencións de responsables de centros que manteñen coleccións de diferente tipoloxía e orientación. Destacada foi a intervención de Mercedes Basso, directora da Fundación Arte y Mecenazgo, entidade pioneira e única en España que pretende estimular o coleccionismo a través da investigación e acción de moi variado ámbito. Para Basso hai moitos tipos de coleccionistas pero comparten trazos comúns como “o amor á arte, a compra como investimento e a necesidade de conservación”. A través das investigacións da entidade que dirixe puxéronlle cifras ao mercado da arte en España (nun informe pioneiro elaborado antes da suba do IVE cultural) e concluíu que o “máis importante para o fomento do coleccionismo é a educación”. Os casos concretos abríronse con José María Luna, director de equipamentos museísticos e culturais de Málaga, que explicou como esta cidade andaluza conseguiu atraer franquiciados de grandes centros, como é o caso do Hermitage, o Museo Estatal Ruso, que abriu alí a súa primeira filial en España. Xa pola tarde, Evelio Acevedo, director xerente do Museo Thyssen baixo o título “Coleccionismo. Por amor á arte?” trazou a evolución da historia do coleccionismo. Completaron ese perfil as intervencións de Alfonso de La Torre, conservador da colección Circa; Enrique Moral Sandoval, director da Fundación AENA; e Cristina Fontaneda, directora do Museo Patio Herreriano, que explicaron en primeira persoa os retos e as dificultades de crear unha colección.

Con todo, o sentir común en toda a sesión foi incidir na necesidade do coleccionista como o gran motor da arte, que sustenta a galeristas e a artistas e permite preservar un patrimonio de futuro.

Segundo día e último día: entre a paixón e o mercado
A segunda xornada dará voz a coleccionistas, galeristas e mediadores na estrutura do sistema artístico que permitirán comprender outro punto de vista sobre a realidade. Abre esta sesión o galego Gabriel Pérez-Barreiro, director e comisario xefe dunha das coleccións máis destacadas de América Latina e un exemplo en canto a innovación, creatividade e educación na arte contemporánea, como é a colección Patricia Phelps de Cisneros. Canda el, estará Pilar Citoler unha das referencias do coleccionismo e unha apaixonada da arte contemporánea que configurou unha das coleccións (Circa XX) máis relevantes do conxunto estatal. As conferencias destas segunda sesión péchanse con Carlos Urroz, director de ARCOmadrid, a feira de arte contemporáneo máis relevante de España. Esta xornada complétase coas experiencias do coleccionista galego José Blanco, que ofrecerá un punto de vista persoal á hora de configurar unha colección desde Galicia, xunto coa xestora cultural Rosario Sarmiento e o galerista Guillermo de Osma, que falarán da profesionalidade e da dinamización nunha relación de mediación dentro do sistema.

Son varios os motivos que converten sitúan esta cita nun momento relevante para o coleccionismo: unha fiscalidade adversa, polas reducións orzamentarias e tamén pola falta dun marco xurídico que regule o mecenado.