NOTICIA

----

O populismo e o seu contexto centra a intervención de Francisco Panizza no Consello da Cultura

“Más populista será tu abuela!”. Esta frase pronunciada por José “Pepe” Mújica no marco da campaña electoral que o converteu en presidente de Uruguai é parte do título da conferencia que Francisco Panizza pronunciará este venres (17.00 horas) no Consello da Cultura. Nela analizará os discursos, as representacións e as actitudes de determinados políticos para responder a pregunta “De que falamos cando falamos de populismo?”. A súa conferencia insírese no ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, coordinado polo profesor Ramón Máiz, e que pretende examinar este termo político desde múltiples perspectivas. A conferencia pode seguirse en directo desde o sitio web da institución.

Falar como o pobo, falar polo pobo e vestir como o pobo son algunhas das cuestións que analizará Francisco Panizza, profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science, na súa intervención. Unha comparecencia na que defende que a relación entre o populismo e a democracia depende dos contextos políticos. Panizza exporá que é máis adecuado falar de intervencións populistas que de políticos ou réximes populistas e toma como exemplos os casos de Abdalá Bucaram, en Ecuador, que incorporaba a linguaxe irreverente na súa campaña electoral; de George Wallace, nos Estados Unidos, que pronunciaba palabras mal a propósito para crear unha imaxe de pueblerino ignorante; ou do manexo dos códigos da retórica política de Hugo Chávez, entre outros.

O ciclo retómase a vindeira semana cunha sesión dobre: o martes, 10 de novembro, Carlos de la Torre (profesor de Socioloxía e director do International Studies, University of Kentucky -Lexington-) abordará o populismo radical, que sitúa entre as promesas de democratización e o autoritarismo; e, un día despois, José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, focalizará o populismo en España.