Venezuela, Bolivia e Ecuador centran a conferencia de Carlos de la Torre no ciclo sobre os populismos

Carlos de la Torre é profesor de Socioloxía da Universidade de Kentucky e un experto en populismos. A súa intervención protagoniza a terceira sesión do ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”, que terá lugar o martes ás 17.00 horas na sede do Consello da Cultura Galega. O ciclo, coordinado polo profesor Ramón Máiz, pretende examinar este termo político desde múltiples perspectivas e conclúe este mércores coa intervención de José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Os liderados de Hugo Chávez e do seu sucesor Nicolás Maduro en Venezuela, de Evo Morales en Bolivia e de Rafael Correa en Ecuador son os tres casos que analizará Carlos de la Torre no seu relatorio titulado “O populismo radical: entre as promesas de democratización e o autoritarismo”. A súa intervención céntrase en tres premisas: a primeira é que os populimos que buscan chegar ao poder poden ser democratizadores; a segunda, o líder populista é a encarnación da voz do pobo; e, a terceira, o populismo transfórmase en autoritarismo cando o pobo se presenta como unha entidade homoxénea. As promesas de inclusión populista e os riscos completarán o relatorio que pronunciará na sede do Consello.

As sesións anteriores
Foi Iván Llamazares quen abriu este ciclo, concibido como un monográfico sobre os populismos dentro da proposta Os sentidos das culturas, cun relatorio sobre os novos populismos en Europa. Seguiuno Francisco Panizza, profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science, cunha comparecencia en que defendeu que a relación entre o populismo e a democracia depende dos contextos políticos.

O ciclo remata este mércores con José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, quen focalizará o populismo en España.

Outras noticias que te poden interesar: