NOTICIA

----

José Álvarez Junco pecha no Consello da Cultura Galega o ciclo sobre os populismos

Tras analizar os populimos en Europa, América Latina chega o momento de centrar o debate no caso español. O catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, José Álvarez Junco, será o encargado de facer esa reflexión cun relatorio titulado “Populismos na España”. A súa intervención pecha este mércores 11 (17:00 horas) no Consello da Cultura Galega o ciclo coordinado polo profesor Ramón Máiz que dedicou catro sesións a analizar este concepto político tan común.

Catro sesións e catro enfoques cun único propósito común: analizar e reflexionar sobre o populismo a través dos discursos, das representacións, e coa análise en diferentes contextos xeográficos. A cita arrincou con Iván Llamazares quen abriu este ciclo cun relatorio sobre os novos populismos en Europa. Seguiuno Francisco Panizza, profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science, cunha comparecencia en que defendeu que a relación entre o populismo e a democracia depende dos contextos políticos.
Os liderados de Hugo Chávez e do seu sucesor Nicolás Maduro en Venezuela, de Evo Morales en Bolivia e de Rafael Correa en Ecuador foron os tres casos analizados por Carlos de la Torre no seu relatorio “O populismo radical: entre as promesas de democratización e o autoritarismo”.
O ciclo sobre os populismos caracterizouse por ser un monográfico sobre os populismos dentro da proposta O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que está en marcha desde 2007. O ciclo trata os debates e investigacións máis recentes sobre as nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.

Outras noticias que che poden interesar