Unha xornada do Consello da Cultura Galega reflexiona sobre a dieta cárnica

O pasado mes de outubro un panel de expertos da Organización Mundial da Saúde afirmou, baseándose en estudos científicos publicados, que o consumo de carnes procesadas (embutidos, salchichas ou hamburguesas) aumenta o risco de sufrir cancro e que a carne vermella (porco, vacún…) é probablemente carcinóxena. Ante este anuncio, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada para falar das vantaxes e problemas da dieta cárnica. Anxo Carracedo e Rafael Tojo son os coordinadores desta cita que ten como título “Os pecados da carne?” e que se desenvolverá en Santiago o vindeiro luns 23 de novembro. A inscrición pode facerse a través do sitio web do CCG é libre e hai cen prazas.

Un panel de 22 científicos de 10 países da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC, en inglés), parte da axencia sanitaria de Nacións Unidas, foi o organismo encargado de revisar os estudos científicos publicados sobre o tema e os que fixeron públicas unhas conclusións que causaron gran controversia. A Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, consciente da transcendencia e importancia que estas cuestións poden chegar a ter en relación coa poboación galega e, mesmo, con determinados sectores económicos, achega o seu gran de area cunha xornada informativa e de debate para tentar clarexar os límites do problema.

O programa
A xornada está concibida para falar de como se divulga a través dos medios de masas e chega ao gran público unha nova científica e de como deben interpretarse determinados datos e conclusións que afectan a tradicións moi arraigadas nos costumes do país. Desde o punto de vista divulgativo, o xornalista especializado Antonio Martínez Ron falará de “As dificultades da comunicación da ciencia”. Desde o ámbito da saúde intervirán Alberte Ruano Raviña, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, que ofrecerá un relatorio titulado “Epidemioloxía da dieta e o cancro”. Canda el, o xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López, falará de “Factores de risco do cancro”. Completa a sesión a xefa da Unidade de Alimentación de Pediatría do CHUS, Rosaura Leis Trabazo, cunha intervención sobre patróns alimenticios e saúde.

Outras noticias que che poden interesar