O Consello da Cultura presenta en Ribadavia a edición de Follas novas, a coñecida rapsodia de Luis Brage

“A música para banda forma parte imprescindible da nosa paisaxe sonora”, afirma Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación do libro Follas novas, unha rapsodia galega para banda sinfónica composta por Luis Brage. Unha publicación que se presenta mañá en Ribadavia nun acto en que haberá unha actuación a cargo da banda de música La Lira, unha agrupación que foi un auténtico mito musical e na que Luis Brage foi moi decisivo. A cita terá lugar o sábado 21 ás 16.30 horas no auditorio municipal da vila e contará coa presenza de David Ferreiro Carballo, que fixo o estudo crítico da obra, de Lluís Ballester Brage, neto do compositor de María López Touza, concelleira de Cultura.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“La hice en dos días y hace ya muchos años”, respondeu Luis Brage a unha entrevista do xornal compostelán La Noche sobre a composición de Follas novas, unha peza que foi moi coñecida no seu momento tanto en Galicia como no resto de España e, mesmo, no estranxeiro, que circulou en manuscritos e arranxos sen que se chegase a editar. A versión que se presentará mañá é a primeira edición do texto, logo dun laborioso proceso de documentación a cargo de David Ferreiro Carballo.

Sobre o compositor
A Luis Brage (Santiago, 1886-1959) a música vénlle de familia. O seu pai era clarinetista na capela da Catedral, onde iniciou unha aprendizaxe musical que logo completou na Sociedad Económica de Amigos del País con Enrique Lens. En 1929, trasládase a vivir á vila ourensá de Ribadavia, onde comeza un período activo no musical e no social. Converteu La Lira na banda de referencia da época. Uns anos dourados que rematan co levantamento militar e a súa represión posterior. Brage non ocultou a súa ideoloxía a favor do movemento republicano, o que o levou a estar tres anos na Prisión Provincial de Ourense. Á súa saída, e con continuas represalias, mantívose como profesor de música na Coruña.
David Ferreiro Carballo destaca, na publicación que mañá se presenta, que “o seu é un estilo compositivo sinxelo, no que o compositor emprega sempre melodías tradicionais cunha harmonización simple, sen grandes xiros tonais e cos recursos propios do romanticismo nacionalista no que se formou”.

Un repertorio de música
O Consello da Cultura Galega ten entre as súas liñas de traballo a elaboración e a recuperación do noso patrimonio musical. No apartado de recuperación, salienta o traballo feito sobre José Rodríguez Carballeira, coñecido como Pepito Arriola, do que se editou a súa obra musical. No que ten que ver coa composición, o CCG fixo diferentes encargas a creadores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre as máis recentes, sobresae a composición que Margarita Soto Viso elaborou sobre “Fala unha laverca”, sacada do poemario Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas; ou a composición que Xavier de Paz fixo a partir de dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a Ángeles de Compostela, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego. Estas dúas obras foron estreadas este ano no marco dos concertos “No bico un cantar” e o Concerto das Letras Galegas. Ademais, destaca tamén a versión de “Penélope”, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez e que foi estreada en 2014.

A Sección de Música e Artes Escénicas
A Sección de Música de Artes Escénicas está coordinada por Maximino Zumalave e conta entre os seus membros con nomes como Inma López Silva ou o compositor Juan Durán. Entre a súa actividade recente destaca a organización das xornadas “As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia” ou “A música tradicional hoxe: perspectivas e retos”; así como a elaboración do informe As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas, que realiza unha análise da situación das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.

Outras noticias que te poden interesar: