NOTICIA

----

Unha xornada analiza o papel de Filgueira en varias entidades culturais no inicio da autonomía

O Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento ou o propio Consello da Cultura Galega (CCG). Son tres entidades de ámbito cultural nas que Filgueira Valverde participou activamente na súa construción ou recuperación. Sobre esta relación, no contexto da creación autonómica, falarase esta tarde no Consello da Cultura Galega no marco dun programa de actividades que organiza a Real Academia Galega e que comezaron hai tres semanas en Pontevedra baixo o título “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX”. O presidente do CCG, Ramón Villares, estará tamén presente na xornada de clausura que terá lugar o venres 27 na Fundación Barrié.

As xornadas “Filgueira Valverde na Cultura Galega” están a analizar o papel do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano desde diferentes puntos de vista. Na sesión do vindeiro martes poñerase o foco en aspectos concretos do seu labor nun período histórico determinante para a historia de Galicia como é a construción da autonomía. Para iso, representantes de entidades de carácter cultural coas que Filgueira Valverde estivo intimamente relacionado analizarán o seu legado. Así, Francisco Díaz-Fierros abordará a relación que Filgueira mantivo co Seminario de Estudos Galegos, mentres que Eduardo Pardo de Guevara abordará o papel que o vello profesor tivo no Instituto Padre Sarmiento. Ademais, Xosé Carro Otero falará do tema xacobeo en Filgueira. Pechará a mesa redonda Ramón Villares cun relatorio titulado “O Consello da Cultura Galega: a cultura como alicerce da Autonomía Galega”.

Tras as intervencións haberá tempo para un coloquio e para un epílogo musical. Maximino Zumalave ao piano e a solista Anaís G. Fernández ofrecerán un concerto conformado por sete pezas. O programa está sacado do libro “Treinta y cuatro canciones gallegas”, dedicadas a Antonio Fernández-Cid, e consiste en sete poemas e textos de escritores galegos musicados por recoñecidos compositores. No concerto poderase escoitar “Aureana do Sil”, de Ramón Cabanillas; “Panxoliña”, de Vicente Risco, ou “Ao lonxe”, de Otero Pedrayo, entre outros.

Peche das xornadas
O programa “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX” é un ciclo de seminarios que arrincou cunha cita dobre os pasados días 10 e 11 de novembro en Pontevedra. Tras a xornada de Santiago, o programa trasladarase á Coruña, onde se desenvolverán dúas sesións. A primeira terá lugar o xoves 26 na Real Academia Galega e nela falarase de sociolingüística e da narrativa de Filgueira. A segunda, e última, efectuarase na Fundación Barrié para tratar da música galega e da tradición oral en Filgueira, así como da súa faceta de bibliófilo e editor. Nesta última sesión participará o presidente o Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e contará cun acto literario musical no que tamén estará presente o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.