NOTICIA

----

Unha xornada destaca o papel de Filgueira Valverde a prol da cultura galega no inicio da democracia

“Filgueira Valverde pasou de ser unha figura marxinal na cultura galega na ditadura a ser unha figura central na autonomía” explicou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega no marco dunhas xornada encamiñada a destacar o labor do vello profesor nun período tan destacado como foi o inicio da democracia. A cita tivo un alto valor simbólico polo feito de que Filgueira Valverde presidiu o CCG ata a súa morte e foi quen inaugurou a sede na que esta tarde se desenvolveu a xornada. Canda Villares, falaron responsables de entidades nas que Filgueira estivo moi implicado como o Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Padre Sarmiento. O programa organizado pola Real Academia Galega baixo o título “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX” trasládase agora á Coruña onde lle restan dúas xornadas.

“É a sorte de poder lembrar a un amigo” indicaba Xosé Otero Carro nunha detallada intervención encamiñada a dar conta da prolífica documentación publicada por Filgueira Valverde arredor da temática xacobea ao longo da súa vida. Tras a súa intervención, Francisco Díaz-Fierros repasou a relación que Filgueira mantivo co Seminario de Estudos Galegos. Definiuna como “unha institución exemplar cun modelo de traballo para Galicia na que foi fundamental Filgueira Valverde quen non foi só un dos seus fundadores senón tamén un dos seus grandes traballadores”. A rigorosidade e a súa capacidade de traballo foi tamén outro dos aspectos que Eduardo Pardo de Guevara (substituído por Antón Pazos quen leu o seu relatorio) detallou do papel de Filgueira no Instituto Padre Sarmiento.

Alén desta capacidade, Ramón Villares destacou “lealdade básica á cultura galega en todas as fases da súa vida e que tivo constante vontade de institucionalizar ou de colaborar na creación de institucións que fixera da cultura galega, non unha obra de amadores senón dunha acumulación de esforzos”. Villares centrou a súa intervención no papel que Filgueira desenvolveu na creación da institución que hoxe preside. “O vello profesor sae da marxinalidade unha vez aprobado Estatuto e se produce a posta en marcha do Consello ao que el chega para designar unha “Comisión Asesora da Cultura Galega” lembrou. Para Villares o labor de Filgueira non foi doado, “chegou a unha institución que tiña que buscar o seu lugar no contexto institucional, e atopar lexitimidade”. Do seu mandato como presidente destacou a súa consolidación, a apertura a novas institucións e, sobre todo, a ampliación das súas áreas de actividade. Entre os logros que lle atribuíu figuraba o informe crítico sobre o Camiño de Santiago ou o documento que promoveu a posta en marcha do Centro Galego de Arte Contemporánea. “A súa obra foi moi importante, tanto como conselleiro (membro do Plenario) como presidente” concluíu.
Pechou a sesión un breve concerto musical con Maximino Zumalave ao piano acompañado pola solista Anaís G. Fernández. O dúo ofreceu un concerto conformado por sete pezas, sacadas do libro “Treinta y cuatro canciones gallegas”, dedicadas a Antonio Fernández-Cid, que consistiu en sete poemas e textos de escritores galegos musicados por recoñecidos compositores. No concerto poderase escoitar “Aureana do Sil”, de Ramón Cabanillas; “Panxoliña”, de Vicente Risco, ou “Ao lonxe”, de Otero Pedrayo, entre outros.

Peche das xornadas
O programa “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX” é un ciclo de seminarios que arrincou cunha cita dobre os pasados días 10 e 11 de novembro en Pontevedra. Tras a xornada de Santiago, o programa trasladarase á Coruña, onde se desenvolverán dúas sesións. A primeira terá lugar o xoves 26 na Real Academia Galega e nela falarase de sociolingüística e da narrativa de Filgueira. A segunda, e última, efectuarase na Fundación Barrié para tratar da música galega e da tradición oral en Filgueira, así como da súa faceta de bibliófilo e editor. Nesta última sesión participará o presidente o Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e contará cun acto literario musical no que tamén estará presente o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.