----

Morre Xosé Neira Vilas, voz da emigración

Foi membro do Comisión de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega e un dos escritores máis sobranceiros da cultura galega. A súa obra está marcada pola emigración que viviu en primeira persoa entre Arxentina e Cuba. Compilamos algunhas das súas participacións nesta institución arredor do fenómeno migratorio.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Morre Xosé Neira Vilas, voz da emigración

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou del que “representa esa característica esencial da cultura galega do século XX, que é unha combinación de Galicia-Europea e Galicia-Americana”. Na opinión do presidente do CCG na figura de Xosé Neira Vilas concéntranse varias facetas “foi un emigrante que se transformou nun autor en Bos Aires grazas ao contacto cos exiliados. Neste sentido, el é fruto do exilio máis que da emigración e combina as dúas cousas; pero tamén foi un soñador que coa súa muller Anisia se desplazou a Cuba para apoiar a revolución, como tantos latinoamericanos que crían naquel proxecto”. Ademais, Villares sintetiza a súa traxectoria vital en catro etapas “unha mocidade en Galicia, un período de formación intensísimo en Bos aires, unha experiencia que ten que ver coa creación, pero tamén coa política e coa revolución. E, por último, un retorno feliz e moi fecundo a Galicia desde os anos noventa”.


Biografía
Naceu na parroquia de Santiago de Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928. Escritor. Chegou a Bos Aires o 10 de febreiro de 1949 a bordo do buque Cabo de Buena Esperanza. En Bos Aires realizou diversos traballos: dependente dunha casa almacenista de tecidos, empregado dunha panadaría, traballou nunha madeireira, etc. Compatibilizou o traballo co estudo: concorreu á escola de Xornalismo do Colexio Nacional de Bos Aires, participou nos Seminarios do Instituto Grafotécnico, estudou música e, finalmente, graduouse como perito mercantil. En Bos Aires estivo en contacto permanente cun importante grupo de intelectuais galegos: Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela... En 1953 participou na formación das Mocedades Galeguistas, grupo que editaba o xornal Adiante. Ademais de con esta publicación, Neira Vilas colabora con outros medios como Opinión Gallega, Galicia, Lugo, Galicia Emigrante, entre outros. En 1956 formou parte da Comisión Organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América.
En 1957 casou con Anisia Miranda, escritora cubana filla de galegos. Ambos fundaron en 1957 a libraría-editorial Follas Novas, que realizou un importante labor difusor do libro galego na Arxentina. Esta editora organizou a Feria del Libro Gallego e patrocinou a emisión radial Mirador Bibliográfico Gallego. Entre a súa obra publicada en Bos Aires cómpre destacar: Dende lonxe (Bos Aires, Follas Novas, 1960), libro de poemas; Memorias dun neno labrego (Bos Aires, Follas Novas, 1961), un dos principais títulos da literatura galega contemporánea.
En Uruguai editou Historias de emigrantes (Montevideo, Patronato da Cultura Galega, 1968). Traduciu ao galego o libro de Víctor Luis Molinari Itinerario gallego (Bos Aires, Follas Novas, 1958). En 1961 trasladouse coa súa dona a Cuba. En 1992 regresou definitivamente a Galicia.
A súa ficha

Material

*No primeiro congreso da emigración galega. Presentou a este Congreso unha «Ponencia a prol do encauzamento dos mozos emigrantes nas sociedás galegas de América», dentro da Comisión D (O problema do emigrado galego).
Descarga as actas e consulta información sobre o congreso

*En 2014 presentou a publicación: “Galicia en Cuba. Lingua, Rosalía, loitas” que compila tres volumes no que recolle a presenza galega dos 31 anos que viviu naquela illa. Consulta a publicación