NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recupera a relación entre Piñeiro e Mitxelena no centenario dos seus nacementos

Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena comparten o feito de ser dúas figuras fundamentais nas súas respectivas culturas, a galega e a vasca, e unha traxectoria vital antifranquista que os levou a encontrarse nunha cadea madrileña nos anos corenta, onde forxaron unha amizade que mantiveron durante décadas. Ambos cumprirían neste 2015 cen anos. Unha efeméride que aproveita o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Ramón Piñeiro para lembrar a súa relevancia, a súa relación e a situación das linguas minoritarias no marco da España actual. A cita ten lugar os días 10 e 11 de decembro en Santiago.

Da amizade entre Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena só se gardan 68 cartas, as que o vasco lle escribiu ao galego. A correspondencia escrita por Piñeiro aínda non está dispoñible para investigadores. Con todo, hai outras fontes e datos dos que falarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e o físico Pedro Miguel Etxenique, quen desde o Goberno vasco de Carlos Garaikoetxea continuou a tarefa normalizadora de Mitxelena oficializando o eúscaro, na conferencia de inauguración da xornada “Ramón Piñeiro Koldo Mitxelena no seu centenario”. Deste xeito, continúase un traballo iniciado o pasado mes de setembro nun curso de verán, realizado en Donostia pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU) co amparo da Viceconsellería de Política Lingüística de Euskadi, baixo o título “El lugar del euskera y de las demás lenguas en un contexto multilingüe”.

Primeira xornada
A primeira xornada terá lugar o vindeiro xoves 10 nas instalacións do Consello da Cultura Galega. Tras a análise da relación destas dúas figuras, presentarase Ramón Piñeiro. Fotobiografía, unha publicación editada pola Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol. Posteriormente, Alfredo Conde, Marina Mayoral e Siro López, moderados por Andrés Torres Queiruga, lembrarán o intelectual galego.
Na sesión da tarde, Miren Azkarate e Fernando Ramallo ofrecerán un relatorio titulado “Os retos actuais do éuscaro e o galego: de Mitxelena e Piñeiro á Carta Europea das Linguas”, que contextualizará o legado dos homenaxeados no que ten que ver co idioma. A sesión conclúe cunha mesa redonda, moderada por Víctor Freixanes, encamiñada a lembrar as múltiples facetas de Piñero e na que participan Miguel Barros, Xosé Luís Franco Grande e Mª Dolores Villanueva.

Segunda xornada
No segundo día, o congreso trasládase á sede do Centro Ramón Piñeiro para revisar a relación epistolar que o pensador galego mantivo con numerosos intelectuais. De feito, na primeira sesión o presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero abordará as cartas que Koldo Mitxelena lle enviou a Piñeiro. Despois, presentaranse dous novos cadernos: un que contén o epistolario entre Piñeiro e Xosé Neira Vilas, elaborado por Armando Requeixo e Dolores Vilavedra; e outro, as misivas que intercambiou con Ricardo Carballo Calero, preparado por Luís Alonso Girgado e Luís Cochón,.
Pecha o encontro a mesa redonda, moderada por Rosario Álvarez, arredor das políticas lingüísticas no concerto autonómico e estatal. Nela interveñen os responsables de política lingüística vasca e galega, Patxi Baztarrika e Valentín García, respectivamente, xunto a Francisco Caamaño e Ester Franquesa.

Dúas traxectorias vitais
Koldo Mitxelena desenvolveu a paixón polas linguas e, nomeadamente, polo indoeuropeo, do que chegou a ser catedrático da Universidad de Salamanca. Ramón Piñeiro, máis interesado pola filosofía, dedicouse ao traballo cultural no seo da editorial Galaxia. Ambos desempeñaron un papel relevante nos tempos de construción dos respectivos réximes autonómicos con cadansúa aposta polas linguas vasca e galega. As súas posicións antifranquistas fixéronos coincidir nunha cadea madrileña a mediados da década dos corenta, onde iniciaron unha relación que manterían durante décadas.