NOTICIA

----

Unha xornada destaca a excepcionalidade das figuras de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

O primeiro día das xornadas Ramón Piñeiro Koldo Mitxelena no seu centenario serviu para construír o relato dunha amizade pero tamén para dar a coñecer a excepcionalidade de dúas figuras fundamentais na cultura e na política galega e vasca. “É a historia de vidas paralelas con camiños diverxentes e un exemplo de posición persoal, política e cultural” afirmou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) nunha sesión na que tamén se presentou a primeira fotobiografía como unha mostra da colaboración institucional. As xornadas trasládanse mañá venres ao Centro de Investigación Ramón Piñeiro onde conclúen cunha sesión dedicada a dar a coñecer novos epistolarios.

As xornadas comezaron retomando o fío dun traballo iniciado o pasado mes de setembro en Donostia nun curso de verán da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) baixo o título “El lugar del euskera y de las demás lenguas en un contexto multilingüe” pero agora afondando noutros puntos de vista. Abríronse cos relatorios do presidente do CCG, Ramón Villares, e do físico Pedro Echenique que afondaron na relación de amizade e nos paralelismos e diferenzas entre eles. Ramón Villares ofreceu o lado histórico desa amizade ao explicar como se coñeceron, como foron detidos e as significación que tivo o seu tempo na cadea e o contexto político no que lles tocou vivir. Para Villares representaron dúas vidas de combatentes en frontes diferentes, que amosaron unha aposta pola vida cultural e os novos relatos nacionais.
“Excelencia técnica e altura ética, un diamante moral” resumiu Pedro Echenique a figura de Koldo Mitxelena, a quen ben coñecía persoalmente e do que foi continuador no ámbito da política lingüística como viceconselleiro no goberno de Carlos Garaikoetxea. Do intelectual vasco lembrou a universalidade e o sentido da responsabilidade do seu carácter persoal, pero tamén a súa lealdade política fortemente comprometida co éuscaro. Incidiu no seu papel determinante tanto na normalización lingüística e puxo de relevo o labor na creación de institucións onde sobresae a Universidade do Pais Vasco.

A fotobiografía, a primeira aproximación biográfica
No marco das xornadas presentouse Ramón Piñeiro. Fotobiografía, unha publicación a cargo de Henrique Monteagudo exemplo da colaboración entre entidades xa que nela participaron a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol representados nas figuras de Valentín García, Pilar Rojo, Ramón Villares e Francisco Domínguez. O propio Monteagudo explicou que, á falta dunha biografía oficial de Piñeiro, elaborou un libro no que “é o Piñeiro o que fala, e faino a través das entrevistas que foi concedendo en vida”. Ese fío narrativo foi completado con debuxos, caricaturas e imaxes de diferentes autores así como textos do propio Monteagudo.
Posteriormente, Alfredo Conde, Marina Mayoral e Siro López, moderados por Andrés Torres Queiruga, debuxaron a faceta máis humana de Piñeiro, evocaron o seu carácter moderado, tranquilo pero fondamente concienciado e implicado na causa galega.

Xa pola tarde, Miren Azkarate e Fernando Ramallo ofreceron un relatorio titulado “Os retos actuais do éuscaro e o galego: de Mitxelena e Piñeiro á Carta Europea das Linguas”, que serviu de contexto para o legado dos homenaxeados no ámbito lingüístico. Foi Azkarate quen lembrou que Mitxelena foi o “pai da unificación” do éuscaro, pero tamén ten escritos dun gran valor no campo da sociolingüística e fixo un repaso das cifras recentes de uso. Pola súa banda, Ramallo debuxou o punto de vista galego onde, segundo cifras de 2012, o uso do idioma está por debaixo do seu coñecemento.

A sesión rematou cunha mesa redonda, moderada por Víctor Freixanes, encamiñada a lembrar as múltiples facetas de Piñeiro e na que participaron Miguel Barros, Xosé Luís Franco Grande e Mª Dolores Villanueva.

Segunda xornada
O congreso trasládase mañá á sede do Centro Ramón Piñeiro para revisar a relación epistolar que o pensador galego mantivo con numerosos intelectuais. De feito, na primeira sesión o presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero abordará as cartas que Koldo Mitxelena lle enviou a Piñeiro. Despois, presentaranse dous novos cadernos: un que contén o epistolario entre Piñeiro e Xosé Neira Vilas, elaborado por Armando Requeixo e Dolores Vilavedra; e outro, as misivas que intercambiou con Ricardo Carballo Calero, preparado por Luís Alonso Girgado e Luís Cochón.

Pecha o encontro a mesa redonda, moderada por Rosario Álvarez, arredor das políticas lingüísticas no concerto autonómico e estatal. Nela interveñen os responsables de política lingüística vasca e galega, Patxi Baztarrika e Valentín García, respectivamente, xunto a Francisco Caamaño e Ester Franquesa.