NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega presenta os resultados das súas bolsas coa Casa de Velázquez

Unha investigación sobre a orixe do sistema bancario e a débeda pública actual e o deseño da escenografía dunha montaxe teatral son os proxectos resultantes das primeiras bolsas convocadas polo Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez. Unha iniciativa que xorde coa finalidade de contribuír á proxección da cultura galega no exterior e cuxos resultados se deron a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou a relevancia desta liña de traballo e anunciou unha nova convocatoria destas bolsas para o mes de abril.
O Consello da Cultura Galega presenta os resultados das súas bolsas coa Casa de Velázquez

A primeira edición destas bolsas supuxeron a primeira vez que unha institución galega entra a colaborar coa Casa de Velázquez, unha entidade cultural francesa dedicada ao estudo do hispanismo. As bolsas creáronse co obxectivo de difundir a cultura galega no exterior, notablemente no mundo francófono, e tiñan dúas modalidades: unha de investigación histórica e outra de creación artística. Os beneficiarios desta primeira edición son Francisco Cebreiro Ares (Santiago, 1990) e Diego González Valeiras (Carballiño, 1980), respectivamente. Ambos os dous bolseiros estiveron tres meses (entre setembro e decembro de 2015) na Casa de Velázquez en Madrid para desenvolver os seus proxectos, que hoxe presentaron en Santiago.

Os proxectos
Francisco Cebreiro Ares investigou os pormenores que imbricaron o porto galego da Coruña coa estrutura financeira española e mundial na fin do Antigo Réxime. Unha investigación que lle permitiu revisar preto de dúas mil cincocentas cartas que intercambiaron os directores do Banco Nacional de San Carlos e o do porto herculino. Unha correspondencia a través da que se poden trazar os relatos (bélicos, de espionaxe, comerciais…) dunha época moi interesante que permite coñecer os antecedentes que xustifican a estrutura bancaria actual, nomeadamente a forma de crédito, de empresa e de pagamento. Entre as primeiras conclusións da súa pescuda , que fai parte da súa tese de doutoramento, permítelle afirmar que despois de Cádiz, o porto da Coruña é un dos principais eixos de entrada de ouro e prata na península. Ademais, permítelle identificar os grandes clientes da oficina do Banco de San Carlos na Coruña, que non eran os grandes burgueses, senón os medianos comerciantes, nobres, eclesiásticos e serviu de conexión para Santiago. Para Cebreiro este traballo permite coñecer “o período no que se comeza a aproximar a esfera financeira ás economías cotiás que hoxe ten unha importancia tan grande e cuxo resultado desa relación se fixo moi visible na crise bancaria do 2007”.

Diego González Valeiras preparou a creación da escenografía e os figurinos do texto Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama, gañador do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2010 (editado por Xerais en 2011). A estadía permitiulle coñecer material documental dos fondos de centros existentes en Madrid, nomeadamente o Museo Reina Sofía, o Thyssen ou, mesmo, a Fundación La Caixa. González explicou que a investigación “plásmase nunha escenografía e deseño de vestiario na que conectou os traballos de Urbano Lugrís coas vangardas europeas e españolas da primeira metade do século vinte”.

As bolsas
As bolsas convocáronse por primeira vez en 2015 co obxectivo de contribuír á proxección exterior da cultura galega. No caso da bolsa de investigación, a proposta tiña que pertencer ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopasen en Madrid, e tamén tiña que ver coa cultura e coa historia de Galicia e a súa conexión co exterior. Para a bolsa de creación (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo ou composición musical), a persoa candidata debería estar avalada por un responsable dun centro de creación, dun museo ou dun conservatorio. No proxecto tíñase que xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.
Nesta colaboración, o Consello da Cultura Galega sufraga unha axuda de custo para a estadía, mentres que a Casa de Velázquez se encarga do aloxamento e de poñer a disposición das persoas beneficiarias da bolsa os espazos de traballo e de documentación dos que dispón.

Casa de Velázquez
A Casa de Velázquez ten a misión de desenvolver actividades creadoras e investigacións relacionadas coas artes, as linguas, as literaturas e as sociedades de países ibéricos, iberoamericanos e do Magreb. Tamén ten a vocación de contribuír á formación de artistas, investigadores e docentes-investigadores así como de participar no desenvolvemento de intercambios artísticos e científicos entre Francia e os países relacionados.
Este convenio insírese nunha liña de traballo continuada entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez, grazas á que se desenvolveron actuacións como o seminario realizado en 2009 baixo o título“Imaxinarios nacionalistas e identidade nacional española no século XX”. Esta liña de acción encádrase dentro do mandato fundacional do Consello da Cultura Galega de investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, así como de organizar actuacións culturais apropiadas aos obxectivos do Consello dentro e fóra de Galicia.