NOTICIA

----

Aberto o prazo de inscrición para a conferencia de Javier Moscoso no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)

A ambición e os seus males centran a vindeira cita do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), seminario coordinado polo profesor Ramón Máiz. Nesta ocasión, o doutor en Filosofía Javier Moscoso ofrecerá no Consello da Cultura Galega un relatorio que aborda a construción cultural deste concepto así como as súas repercusións, que chegan a moitos ámbitos, como pode ser o da saúde. A cita, que terá lugar o xoves 11 de febreiro (17:00 horas), titúlase "Promesas incumpridas. Una historia cultural de la ambición" e xa ten aberto o prazo de inscrición.

Para que os asistentes coñezan a conferencia de cara a un debate máis participativo, Javier Moscoso facilitou o texto (dispoñible para descarga desde o web da institución) titulado "La economía moral de la ambición o el deseo inmoderado de elevación", no que fai un percorrido pola historia da ambición a comezos do século XIX. Nel defende que, a raíz das promesas igualitarias e a meritocracia, a ambición acabou por converterse nunha enfermidade, de natureza emocional, que foi tratada por médicos desde o punto de vista clínico.