NOTICIA

----

O Camiño de Santiago centra unha sesión de “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”

Comprender o Camiño de Santiago na súa totalidade, onde importan tanto peregrinos como habitantes de Compostela, é unha das orientacións do proxecto que o grupo de Estudos da Cultura Galabra presenta no marco dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”. Esta iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A cita deste novo encontro terá lugar o vindeiro venres 19 de febreiro na sede da institución.

A segunda sesión destes encontros pretende poñer o foco no Camiño de Santiago desde un punto de vista pouco frecuente: os visitantes e o seu impacto nos habitantes da cidade. Nesta cita expoñeranse os primeiros avances dun traballo que o grupo de investigación de Estudos da Cultura Galabra está a facer sobre a materia. Neste proxecto recóllense os discursos e as prácticas presentes en visitantes (exclusivamente galegos, españois, portugueses e brasileiros) e en habitantes e comerciantes de Compostela.
O proxecto, que se presentará no marco desta sesión, estuda a consideración do Camiño como un ben pero tamén como un recurso cultural, patrimonial, identitario, social, político ou económico. O proxecto está agora en fase de financiamento para poder analizar o material recollido ata o presente.

Un grupo de investigación sobre a cultura
Entre os obxectivos do grupo de Investigación de Estudos da Cultura figuran a produción e transferencia de coñecemento sobre asuntos ligados ao funcionamento da literatura e da cultura (entendida como as formas en que as persoas ven, clasifican e interveñen no mundo), con especial atención ao caso das comunidades de lingua portuguesa. Para iso, segundo explican no seu web, “aplica procedementos metodolóxicos cuantitativos e cualitativos, traballo de campo e de corpus, sobre a base das teorías sistémicas, das teorías dos campos sociais, das teorías de análise de redes e das teorías empíricas, con desenvolvemento propio e adaptado ás diferentes realidades do ámbito de pescuda do grupo”.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.

Outras noticias que che poden interesar