NOTICIA

----

Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” centran a segunda sesión no Camiño de Santiago

Cal é a pegada do Camiño de Santiago nos peregrinos? E destes sobre os habitantes de Compostela? Estas son algunhas das premisas de partida dun proxecto do grupo de Estudos da Cultura Galabra que presenta os seus primeiros resultados no marco dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”. Esta sesión, que terá lugar mañá á tarde no Consello da Cultura Galega (CCG), insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A xornada retransmitirase en directo a través do web da institución.

O proxecto do grupo de investigación de Estudos da Cultura Galabra estuda a consideración do Camiño como un ben pero tamén como un recurso cultural, patrimonial, identitario, social, político ou económico. Agora mesmo está en fase de financiamento dun traballo para poder analizar o material recollido ata o presente. Nesta sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” ofrecerán os primeiros avances do traballo feito, nomeadamente os discursos e as prácticas presentes en visitantes (exclusivamente galegos, españois, portugueses e brasileiros) e en habitantes e comerciantes de Compostela.

Un grupo de investigación sobre a cultura
Entre os obxectivos do grupo de Investigación de Estudos da Cultura figuran a produción e transferencia de coñecemento sobre asuntos ligados ao funcionamento da literatura e da cultura (entendida como as formas en que as persoas ven, clasifican e interveñen no mundo), con especial atención ao caso das comunidades de lingua portuguesa. Para iso, segundo explican no seu web, “aplica procedementos metodolóxicos cuantitativos e cualitativos, traballo de campo e de corpus, sobre a base das teorías sistémicas, das teorías dos campos sociais, das teorías de análise de redes e das teorías empíricas, con desenvolvemento propio e adaptado ás diferentes realidades do ámbito de pescuda do grupo”.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.

Outras noticias que che poden interesar