NOTICIA

----

A segunda sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” constata o inicio dunha cultura do Camiño

“Non podemos achegar conclusións categóricas pero sí aproximacións reais de que empeza a construírse unha cultura do Camiño” afirma Roberto Samartim membro do grupo de Estudos da Cultura Galabra quen, xunto con Elías J. Torres, presentaron os primeiros resultados dun proxecto titulado “Discursos, imaxes e percepción dos visitantes en relación co Camiño de Santiago”. As primeiras constatacións dese estudo centraron a segunda sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”. Unha cita que se insire nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións.

Entre as primeiras conclusións desta investigación destaca a existencia unha maior presenza do Camiño de Santiago en discursos literarios e en medios de comunicación e audiovisuais que nos propios visitantes. Ademais, os resultados da análise de 547 libros, 86 produtos audiovisuais, 254 webs, xunto con 1964 entrevistas evidencian que existe unha centralidade da Catedral e unha invisibilidade da cidade de Compostela. Este proxecto consideraba o Camiño como un ben pero tamén como un recurso cultural, patrimonial, identitario, social, político ou económico e centraba as súas análises nos visitantes galegos, portugueses, españois e brasileiros así como en habitantes e comerciantes de Santiago.

A investigación está agora en fase de financiamento para poder analizar o material recollido nos últimos tres anos en relación cos discursos e coas imaxes publicadas desde o ano 2008. Nesta sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” ofreceron avances do traballo tan significativos como que os visitantes brasileiros chegan a Santiago coa idea central e prioritaria de ver a catedral e marchan sorprendidos pola gastronomía, o feito identitario e tamén a proximidade lingüística. O estudo permite saber que este tipo de visitantes come polbo, empanada, pan, torta de Santiago e vieiras.

Ademais, entre os avances presentados hoxe constataron que nos produtos ofertados nas tendas de recordos existe, dun tempo a esta parte, unha presenza crecente de cabaleiros templarios. Malia non ter Santiago nin o Camiño unha fonda relación histórica coa Orde do Temple, a raíz de discursos literarios como a novela de Paulo Coelho, Diario dun mago, incrementáronse tanto recordos como prácticas culturais (noites templarias, representacións….) en Santiago e en cidades do Camiño con esta temática.

Un grupo de investigación sobre a cultura
Entre os obxectivos do grupo de Investigación de Estudos da Cultura figuran a produción e transferencia de coñecemento sobre asuntos ligados ao funcionamento da literatura e da cultura (entendida como as formas en que as persoas ven, clasifican e interveñen no mundo), con especial atención ao caso das comunidades de lingua portuguesa. Para iso, segundo explican no seu web, “aplica procedementos metodolóxicos cuantitativos e cualitativos, traballo de campo e de corpus, sobre a base das teorías sistémicas, das teorías dos campos sociais, das teorías de análise de redes e das teorías empíricas, con desenvolvemento propio e adaptado ás diferentes realidades do ámbito de pescuda do grupo”.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.