
O Consello da Cultura Galega ten entre as súas áreas de traballo o coñecemento do fenómeno migratorio en todas as súas facetas. No marco desta liña insírense as actividades presentadas hoxe e que se concretan na presentación dun libro e na inauguración dunha exposición. Ambas teñen un fío común en Céltiga, a revista que tivo, en palabras de Ramón Villares “un papel crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo nas comunidades galegas de América”. Eliseo Pulpeiro foi o seu fundador e director literario desta cabeceira que ten un peso moi destacado en Galicia imaxinada, a mostra que permite recuperar a contribución da emigración na construción da identidade galega.
A publicación sobre Eliseo Pulpeiro
Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e o Río da Prata) é unha publicación que recupera a figura deste creador a través dos seus escritos en prosa e en verso e, en palabras de Ramón Villares “reforza a presenza das letras galegas na emigración”. Nela pódese coñecer o seu vínculo co nacionalismo, coa revista que fundou, así como algunhas das súas colaboracións e cartas persoais. Eliseo Pulpeiro (Ribadeo 1901- Bos Aires 1974) é un emigrante lucense que fundou e dirixiu a dimensión literaria de Céltiga, cabeceira pola que pasou a intelectualidade galega residente en Arxentina. A publicación que hoxe se presenta xa se pode descargar desde o web do Consello da Cultura Galega.
A mostra Galicia Imaxinada
Moitos dos símbolos identitarios (a bandeira, o himno….) teñen a súa orixe na emigración, por iso está totalmente vixente a revisión de como se foron configurando. A exposición Galicia Imaxinada presta atención a esa construción identitaria a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e La Tierra Gallega, entre outras referencias como Alfar. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.
A exposición
Esta exposición retrata a Galicia dos emigrantes: a real e a idealizada” apuntou a comisaria, Chus Martínez Domínguez ao tempo que explicou que “fala dos significados da mirada cotiá, coa que observan ás persoas, á paisaxe, ao patrimonio e á política. Tamén aos sentimentos máis profundos vinculados co amor á patria e coa saudade polo deixado atrás”. A mostra en Santiago está repartida en dúas salas: unha centrada na pegada das revistas da emigración e outra en contextualizar o fenómeno da emigración.
Un dos puntos de partida desa mostra está na recuperación que o Consello da Cultura Galega fixo en 2014 de Céltiga , a revista porteña que foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932 e na que publicaron tanto notables intelectuais arxentinos como escritores, periodistas, poetas e artistas galegos de todas as disciplinas. Foi no traballo de recuperación desa cabeceira cando emerxeu unha mostra que permite, en palabras de Ramón Villares, “aproveitar o grande esforzo realizado por moitos axentes da emigración e que nos permite coñecer como eles viron Galicia, a súa Galicia imaxinada”.
A exposición na actividade do CCG
Esta exposición insírese nunha liña de traballo continuada do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o traballo da emigración en prol do patrimonio cultural galego. Comezou en 1992 con “Galicia-América: cinco séculos de historia” e continúa ata o presente como exposicións como “Nós mesmos”, “Luces de Alén-mar” ou “Os Adeuses”.