NOTICIA

----

Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” analizan a pegada da Alta Idade Media en Galicia

No noso territorio aínda sobreviven algunhas pegadas do primeiro grande auxe de construción da Alta Idade Media que están invisibilizadas. Esta é a premisa do proxecto europeo Early Medieval Churches: Archaeology, History and Heritage (EMCHAHE), que dirixe o profesor José Carlos Sánchez Pardo na Universidade de Santiago de Compostela. As características desta proposta centra a terceira edición dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que terá lugar mañá xoves no Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada retransmitirase en directo a través do web da institución.

A terceira sesión destes encontros organízase en dous relatorios. Dunha banda estará José Carlos Sánchez Pardo, historiador, investigador Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela, quen ofrecerá as bases, desenvolvemento e primeiros resultados do proxecto. Sánchez destacará o potencial científico dun tema pouco explorado que ademais ofrece moita información sobre as sociedades que habitaron en Galicia entre a fin do mundo romano e a consolidación do feudalismo e a arte románica (séculos V-XI). Da outra, estará Jorge Sanjurjo Sánchez, biólogo do Instituto Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña, cun relatorio que se centra nas técnicas empregadas no marco deste proxecto para datar os edificios históricos. A metodoloxía por radiocarbono e por luminiscencia son as que tiveron máis éxito, podendo aplicarse ambas con diferentes propósitos, e as perspectivas futuras, sobre todo no caso desta última, invitan ao optimismo.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións.

Outras noticias que che poden interesar