NOTICIA

----

Aberto o prazo de inscrición da xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”

O teatro é lecer pero tamén un espazo de aprendizaxe. Esta é a idea de fondo da xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade” que se desenvolve o día 4 de abril no Consello da Cultura Galega. A cita pretende poñer de manifesto experiencias prácticas desa dobre faceta da realidade teatral. O encontro está organizado pola Sección de Música e Artes Escénicas e acaba de abrir o seu prazo de inscrición.

A especialista en crítica teatral Inma López Silva é, xunto con Euloxio Ruibal, a coordinadora dun encontro que pretende poñer o foco sobre a dobre natureza do teatro: a lúdica e a didáctica. Para iso, organizaron un programa arredor de tres mesas que pretenden atender as múltiples facetas que caracteriza o teatro amador focalizado nun público tan concreto como é o da infancia e da mocidade. A primeira está orientada a dar a coñecer dúas experiencias no ámbito educativo. Dun lado, a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo e, da outra, o que están a facer neste eido nun centro de ensino do Milladoiro.

A mañá desta xornada complétase coa outra cara da moeda, coa revisión de experiencias que abordan o teatro como actividade extracurricular. Para falar do tema estarán Artur Trillo que contará o caso da Escola Municipal de Teatro de Cee que xestiona a compañía Talía Teatro. Xesús Ron, falará desde o punto de vista dunha compañía residente, como é o caso de Chévere en Teo. Pecha a sesión outra experiencia diferente, como é a do proxecto KunArte de Euskadi que contará Pilar López.
Xa pola tarde, Xosé Barato modera unha mesa que analiza a infancia e a mocidade como público e como actores e actrices do teatro amador. Para falar desde este enfoque estarán Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), Paula Carballeira, directora e actriz da compañía Berrobambán e Concepción Largo, coordinadora de Actividades Educativas e Culturais do Centro Dramático Nacional.