Aberta a inscrición para a xornada dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” centrada no Museo das Peregrinacións

O Museo das Peregrinacións acaba de ampliar a súa sede e crear unha sala de exposición permanente na praza das Praterías. O proceso técnico deste cambio acapara a cuarta das xornadas dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita terá lugar o vindeiro 8 de abril e acaba de abrir a inscrición a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Nesta sesión preténdese ofrecer unha visión do proceso técnico seguido para concluír na montaxe da exposición permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago na súa nova sede da praza das Praterías. A sesión terá unha parte teórica e unha práctica. Na primeira explicaranse as directrices seguidas no proceso de definición do novo museo e tamén da nova exposición permanente, que figuran recollidas no Plan Museolóxico e nos distintos programas e proxectos que o desenvolven. Na práctica, está prevista a realización dunha visita comentada ás instalacións para apreciar a adaptación da museografía aos espazos arquitectónicos, o aproveitamento de distintos recursos para favorecer a difusión dos contidos, a accesibilidade dos distintos públicos, etc. A xornada remata cunha sesión de debate.

Un foro de debate e reflexión
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega e pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha arredor de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Na primeira sesión analizouse o caso do illote de Guidoiro Areoso e na segunda expuxéronse os resultados da primeira parte dunha investigación do grupo de Estudos da Cultura Galabra da Universidade de Santiago sobre o impacto do Camiño de Santiago na cidade. A última sesión centrouse na pegada da Alta Idade Media en Galicia, a través do proxecto europeo Early Medieval Churches: Archaeology, History and Heritage (EMCHAHE) da Universidade de Santiago de Compostela
Estas xornadas insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións.

Outras noticias que te poden interesar: