NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reflexiona sobre papel do teatro amador nos máis novos

Mañá desenvólvese no Consello da Cultura Galega a xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”, unha cita que pretende ver o papel lúdico e didáctico das artes escénicas. A cita organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas está coordinada por Inma Lopez Silva e Euloxio Ruibal e ofrecerá experiencias teatrais que se están a desenvolver no ámbito educativo.

A especialista en crítica teatral Inma López Silva é, xunto con Euloxio Ruibal, a coordinadora dun encontro que pretende poñer o foco sobre a dobre natureza do teatro: a lúdica e a didáctica. Para iso, organizaron un programa arredor de tres mesas centradas no teatro amador e focalizado nun público tan concreto como é o da infancia e da mocidade. A primeira delas está orientada a dar a coñecer dúas experiencias no ámbito educativo. Dun lado, a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo e, da outra, o que están a facer nun instituto de ensino do Milladoiro.

A mañá desta xornada complétase coa outra cara da moeda, coa revisión de experiencias que abordan o teatro como actividade extracurricular. Para falar do tema estarán Artur Trillo que contará o caso da Escola Municipal de Teatro de Cee que xestiona a compañía Talía Teatro. Xesús Ron, falará desde o punto de vista dunha compañía residente, como é o caso de Chévere en Teo. Pecha a sesión outra experiencia diferente, como é a do proxecto KunArte de Euskadi que contará a súa coordinadora, Pilar López.
Xa pola tarde, o actor e membro da Sección de Música e Artes Escénicas, Xosé Barato modera unha mesa que analiza a infancia e a mocidade como público pero tamén como posibles actores e actrices do teatro amador. Para falar desde este enfoque estarán Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), Paula Carballeira, directora e actriz da compañía Berrobambán e Concepción Largo, coordinadora de Actividades Educativas e Culturais do Centro Dramático Nacional.

A Sección de Música e Artes Escénicas
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura destina unha xornada a analizar a situación teatral. En 2014, a través da Sección de Música de Artes Escénicas, puxeron o foco no teatro amador. Esta sección, coordinada por Maximino Zumalave, conta entre os seus membros con nomes como a crítica teatral e docente Inma López Silva ou o músico e compositor Juan Durán. Entre a súa actividade a elaboración do informe As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas, que realiza unha análise da situación do sector das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.
Entre as principais contribucións desta sección está o estudo elaborado sobre a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que, seguido das oportunas conversas con institucións autonómicas, se acabou materializando. A ESAD de Galicia celebra xa varios anos de existencia e as primeiras fornadas de profesionais deste sector xa están na rúa.