O Museo das Peregrinacións centra mañá a cuarta xornada dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”

O Museo das Peregrinacións acaba de ampliar a súa sede e crear unha sala de exposición permanente na praza das Praterías. O proceso técnico deste cambio protagoniza a cuarta das xornadas dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que terá lugar mañá á tarde no Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada ten o seu aforo completo pero pode seguirse en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Na cita de mañá preténdese ofrecer unha visión do proceso técnico seguido para concluír na montaxe da exposición permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago na súa nova sede da praza das Praterías. Constará dunha parte teórica que, partindo da detección das necesidades de dispoñer de novos espazos para poder desenvolver axeitadamente as funcións do museo, concluirá na execución do proxecto de montaxe, pasando pola elaboración do discurso museolóxico e o deseño dunha linguaxe expositiva. Farase referencia ás directrices seguidas no proceso de definición do novo museo e tamén da nova exposición permanente, que figuran recollidas no Plan Museolóxico e nos distintos programas e proxectos que o desenvolven.

Como demostración práctica, está prevista a realización dunha visita comentada ás novas instalacións para analizar aspectos tratados na parte teórica, onde se pode apreciar in situ a adaptación da museografía aos espazos arquitectónicos, o aproveitamento de distintos recursos para favorecer a difusión dos contidos, a accesibilidade dos distintos públicos, etc., e concluirase cun debate sobre a experiencia.

Outras noticias que te poden interesar: