NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega leva a Braga a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido”(1930-1936) é o título da exposición que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. A versión en portugués desta mostra inaugurouse na tarde deste martes no Museo Nogueira da Silva en Braga. Alí estivo presente o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria, Rosario Mascato, nun acto que contou coa actuación musical do grupo Zoar.
O Consello da Cultura Galega leva a Braga a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

O Museo Nogueira da Silva acolle desde este martes unha nova parada da itinerancia dunha exposición pensada para dar a coñecer a repercusión que tivo a obra de Valle-Inclán en vida do autor. Unha inauguración á que asistiu o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e no que houbo unha actuación musical a cargo do grupo Zoar. Nela interpretáronse varias pezas de Juan José Castro Chané, Juan Montes, José Baldomir e Andrés Gaos sobre obras de Curros Enríquez e Rosalía de Castro.

A mostra
A exposición está formada por catorce paneis que recuperan a imaxe menos coñecida de Valle-Inclán e que permiten ver o proceso de difusión da súa obra no ámbito internacional a raíz das súas traducións. Este punto de partida permite apreciar, en palabras da comisaria, “o carácter diferencial da proposta valleinclaniana a nivel internacional, derivada fundamentalmente da súa concepción galega da vida e da arte; a relevancia da figura do intelectual comprometido que se desprende da recepción da súa figura a partir de 1915, primeiro en Francia, despois en Italia e en Rusia”.

A exposición, que estará aberta ata o 21 de maio, ofrece unha síntese da traxectoria do escritor, divulgando a súa relación co galeguismo e as múltiples vías de intervención que utilizou na política, na cultura e na sociedade do seu tempo; pero tamén recupera unha imaxe do escritor pouco coñecida, a máis internacional, derivada tanto do interese dos seus coetáneos pola súa obra como do seu proceso de intervención na difusión desta, principalmente a través das viaxes ao estranxeiro e dos contactos con intelectuais de moi diversas orixes.
“Outros verbos-novas lecturas: Valle-Inclán traducido” exhibe en catorce paneis os múltiples lazos de Valle-Inclán co mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), con Europa (Francia, Portugal e Italia), pero tamén cos países do Leste (foi moi coñecido grazas ao esforzo de diversos hispanistas que estaban nestes países). A súa obra foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.


Valle en Portugal
Non é a primeira vez que esta exposición chega ao país veciño. Fíxoo en 2014, no Instituto Cervantes de Lisboa. Nela hai varios paneis que dan conta da conexión de Valle-Inclán coa intelectualidade e a cultura portuguesa. Unha relación que se inicia coa amizade que mantén con Leal da Cámara e que foi medrando cos continuadas colaboracións na prensa e con traducións que Valle fixo de obras de Eça de Queirós.
A exposición, inaugurada en Santiago en 2014, chega Braga despois de estar en Madrid, na Residencia de Estudantes e en Roma na Academia de España.

Outras noticias que che poden interesar