NOTICIA

----

Os “Encontros para a Normalización” conclúen coa presentación dun estudo que evidencia a actitude positiva da mocidade galega cara ao galego

Unha actitude positiva, poucas resistencias pero unha disociación entre o aprecio do galego e o seu uso. Son algunhas das primeiras valoracións dun estudo novidoso realizado entre mozos de 15 e 25 anos de Galicia e que foi presentado no marco dos XVIII Encontros para a Normalización. A cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) foi clausurada esta tarde polo presidente da institución, Ramón Villares. Os Encontros chegaron á súa maioría de idade sendo un espazo de debate e reflexións sobre a lingua e un escaparate das iniciativas en prol da normalización se están a facer no país.

No marco dos XVIII Encontros para a Normalización presentáronse as primeiras valoracións dun estudo pioneiro realizado polo Consello da Cultura Galega centrado en coñecer que motiva á nosa mocidade a falar ou non en galego. Na primeira sesión xa houbo un avance dese estudo coa reprodución dun dos grupos de discusión que conformaron a investigación. Oito rapaces chegados de diferentes puntos de Galicia, coordinados polo sociólogo Luis Cuntín, explicaron en primeira persoa que falan e o porqué.

As cifras e valoracións quedaron para a sesión de hoxe, na que os sociólogos Hakan Casares, Xaquín Lorenzo e Luis Cuntín ofreceron os primeiros resultados dun informe que verá a luz no segundo semestre do ano. Entre decembro e febreiro fíxose unha análise cualitativa que, segundo Hakan Casares, puxo en evidencia que as actitudes da mocidade cara ao galego son moi positivas, que hai moi pouca hostilidade e que canto máis se achegan á franxa dos vinte e cinco anos mellores son os indicadores e a predisposición a falaren en galego. Xaquín Loredo puxo énfase no feito de que este estudo fornece unha ferramenta para a intervención e a planificación lingüística. Segundo este sociolingüista, o realmente determinante para que un mozo cambie a súa lingua está na presión lingüística, máis que no seu coñecemento, a familia ou o contorno. Por último, Luís Cuntín fixo unha primeira valoración da análise cualitativa na que se aprecia, na súa opinión, “a disociación entre o aprecio e o uso da lingua” e alertou de que “o galego está a perder a batalla naquelas expresións que se perciben como xenuinamente xuvenís, como son as series de televisión e o consumo de produtos multiplataforma”.

Os relatorios
A cita ofreceu tamén relatorios orientados a coñecer os comportamentos da fala nos máis novos. Miguel Pérez Pereira, profesor de Psicoloxía evolutiva e da educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) explicou na súa intervención que as actitudes non se teñen por que corresponder con condutas reais. Foi o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo quen falou de motivacións, identidades e ideoloxías.

Na sesión do venres analizáronse tres factores determinantes: as tecnoloxías (vantaxes e os seus recursos), así como o contexto familiar e educativo cos resultados de dúas investigacións en curso no ámbito universitario. Anik Nandi, da Heriot-Watt University de Edimburgo, debullou estratexias no contexto familiar e conclúe que as familias son só unha parte da transmisión pero non se esgota nelas. Pola súa banda, Marta Gómez Ocampo, investigadora da USC, analizou a política lingüística no ensino centrada no papel dos docentes e dos ENDL.

A última conferencia estivo centrada en reflexionar, a partir de datos empíricos e teorías, sobre o efecto dos Modelos de Educación Bilingüe na aprendizaxe lingüística, as actitudes e os seus usos. Unha panorámica que ofreceu Cecilio Lapresta, profesor de Socioloxía da Universitat de Lleida.
Os XVIII Encontros para a Normalización concluíron cun debate final, ao que seguiu a actuación de María Lado e Lucía Aldao co seu espectáculo titulado “Xente normal”.

Presentación dun Plan de dinamización para a mocidade
O Consello da Cultura Galega alertou na celebración dos XVII Encontros, que tiveron lugar o outubro pasado, da necesidade de prestar atención á mocidade. Un feito ao que sumou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen na inauguración desta edición dos Encontros anunciou que a Xunta de Galicia elaborará o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado das consellerías de Cultura e Educación e Política Social, respectivamente, elaborarán este documento tomando como base as directrices establecidas no PXNLG. Un proxecto que pretende reforzar e aumentar a presenza do galego na área da mocidade, para incidir na dinamización do galego na xente nova, xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade, e contribuír á supervivencia da lingua e dos seus usos. Unha iniciativa que foi ben recibida polo Consello da Cultura Galega que levaba tempo incidindo na necesidade desta liña estratéxica.