NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura aborda a situación da divulgación científica en Galicia

A sede do Consello da Cultura Galega acolle mañá mércores 20 de abril unha xornada encamiñada a dar a coñecer de xeito teórico e práctico cal é a situación da comunicación científica en Galicia. Unha cita que se desenvolve ao longo de todo o día con relatorios e conferencias e que ten unha actividade central na presentación dun informe sobre a divulgación da ciencia no noso país. A xornada está coordinada polo científico Xurxo Mariño, que tamén é un dos membros integrantes da comisión técnica que se encargou da elaboración dese documento.

A xornada “A divulgación da ciencia en Galicia” é unha actividade do Consello da Cultura Galega na que se difundirán iniciativas reais de exemplos de comunicación científica. A perspectiva eminentemente divulgativa desta cita evidénciase nunha sesión en horario de tarde conformada por cinco charlas breves a cargo de recoñecidos comunicadores deste ámbito como Jorge Mira ou Manuel Vicente. Ademais, hai dous relatores que ofrecerán a visión da comunicación da ciencia desde ámbitos ben distintos como son o dunha axencia estatal como SINC, que ofrecerá a xornalista Eva Rodríguez, e o dunha cátedra de cultura científica como a que dirixe Juan Ignacio Pérez na Universidade do País Vasco.

Un informe pioneiro
Alén dos propios actos divulgativos de iniciativas científicas, na xornada presentarase un documento que ofrece unha descrición xeral e crítica dos distintos proxectos que se están a desenvolver en Galicia sobre esta materia. Unha iniciativa que xorde como resultado de traballo dunha Comisión Técnica temporal Informe sobre a Divulgación da Ciencia en Galicia, que está integrada por Paulino Estévez Alonso, Ánxela Bugallo Rodríguez, Iolanda Fernández Casal, Antonio Fernández Oca, Xosé Antón Fraga Vázquez, Pablo Ramil Rego, Julio Rodríguez Tabeada, Silvia López Ben, Xurxo Mariño Alfonso e Jorge Mira Pérez, baixo a coordinación de Francisco Díaz-Fierros. Un equipo interdisciplinar de científicos, xornalistas, profesores de ensino medio e outros expertos que documentan e reflexionan sobre estes asuntos e que ofrecerán as súas reflexións e investigacións no marco da xornada.