NOTICIA

----

O Informe A divulgación da ciencia en Galicia destaca a variedade e a calidade das iniciativas existentes

“O informe pon de manifesto que hai unha potencialidade extraordinaria para a divulgación da ciencia” apuntou Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e membro da comisión técnica que no último ano estivo a traballar para compilar e documentar as iniciativas existentes sobre esta materia. O coordinador do documento, o científico Xurxo Mariño, presentou o resultado esta mañá no marco dunha xornada encamiñada a explicar os pormenores da divulgación científica en boca dos seus protagonistas. Os problemas de financiamento, a variedade extraordinaria de propostas así como a escasa presenza nos medios son algunhas das conclusións dun informe pensado para difundir entre divulgadores, público xeral e a Administración.

Un dos actos centrais desta xornada estivo marcado pola presentación dun documento que ofrece unha descrición xeral e crítica dos distintos proxectos que se están a desenvolver en Galicia sobre esta materia. Entre as conclusións xerais destaca a falta de financiamento público neste tipo de proxectos, que se volve máis necesario á falta dun mercado de comunicación estable e profesionalizado. Outra das conclusións que apunta este informe é a existencia dunha variedade extraordinaria de actividades. “Aínda que non funciona como un catálogo, senón máis ben como unha reflexión de propostas, vese unha gran variedade, riqueza pero tamén calidade” destacou Xurxo Mariño. O informe está organizado por capítulos, que se corresponden con ámbitos analizados, como os medios de comunicación, os museos, as institucións e as empresas. No que ten que ver co apartado destinado á prensa impresa, o informe cuantifica nun 2,5 % a superficie total dos xornais que se destina a novas de ámbito científico. A inexistencia de suplementos especializados, revistas ou seccións dentro do xornal son outras das realidades que se describen. O documento tamén destaca a desaparición de programas especializados no medio televisivo, a escasa presenza na radio así como as iniciativas puntuais e voluntariosas na rede.

O informe está dispoñible na rede nunha versión beta xa que, segundo explicou Xurxo Mariño, “iremos actualizándoo coas achegas que se fagan nesta xornada”.

Polo demais, enmarcouse a iniciativa como o resultado dun ano de traballo dunha Comisión Técnica temporal integrada por Paulino Estévez Alonso, Ánxela Bugallo Rodríguez, Iolanda Fernández Casal, Antonio Fernández Oca, Xosé Antón Fraga Vázquez, Pablo Ramil Rego, Julio Rodríguez Tabeada, Silvia López Ben, Xurxo Mariño Alfonso e Jorge Mira Pérez, baixo a coordinación de Francisco Díaz-Fierros. Un equipo interdisciplinar de científicos, xornalistas, profesores de ensino medio e outros expertos que documentaron e reflexionaron sobre estes asuntos. “Agora, apuntou Díaz-Fierros, este informe difundirase entre o público e divulgadores, e enviaráselle un resumo á Administración para que coñezan cal e o estado da cuestión, as súas necesidades e suxestións”.

Iniciativas de divulgación
A xornada “A divulgación da ciencia en Galicia” completouse pola tarde coa difusión de iniciativas reais. Foron cinco charlas breves a cargo de recoñecidos comunicadores como son Jorge Mira ou Manuel Vicente, que completaron de xeito práctico a cita antes de pasar ao debate. Pola mañá, Eva Rodríguez Nieto, redactora da axencia pública SINC, que se encarga da divulgación científica, ofreceu un relatorio en que deu claves xornalísticas para comunicar ciencia. “Facemos un xornalismo científico de calidade, crible, veraz, moi contrastado, que saiba valorar a relevancia científica e o interese informativo” apuntou. Juan Ignacio Pérez Iglesias, responsable da Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU, deu a coñecer a variedade e a riqueza de iniciativas que se están a desenvolver desde este organismo. A sesión da mañá completouse coa conferencia de Xurxo Mariño, quen deu varias ferramentas mentais e prácticas de ámbito divulgativo.