----

O Consello da Cultura analiza nunha xornada a cultura e comunicación no contexto actual

“Cultura e comunicación na sociedade en rede” é o título da xornada que se desenvolve mañá no Consello da Cultura e que pretende analizar novos modelos e novas experiencias no ámbito dixital da man de expertos como Miquel de Moragas ou Emili Prado. A cita organizada polos profesores Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago poderá seguirse en directo a través do web da institución.

A xornada arrinca co relatorio de Miquel de Moragas, da Universitat Autónoma de Barcelona, un experto en semiótica e comunicación de masas, que ofrecerá un relatorio titulado “Interpretar a cultura e a comunicación na sociedade rede”.
“Tomar a cultura dixital en serio” é o título da conferencia que pronunciará o profesor da Universidad de Málaga Miguel de Aguilera, que leva máis de trinta anos investigando no ámbito da cultura dixital, a cultura popular e os seus usuarios a través de fenómenos como os videoxogos ou a música, entre outras áreas.
Será María Jesús Casals, da Universidad Complutense de Madrid, unha especialista en narrativa periodística, quen falará de divulgación cultural e científica no contexto actual e exporá situacións de éxito. A sesión da mañá conclúe coa intervención titulada “Cultura, comunicación, memoria e movementos sociais na era dixital”, a cargo de Jaume Guillamet, da Universitat Pompeu Fabra
Xa pola tarde, Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona, falará de industrias culturais e redes dixitais. Séguelle Ramón Reig, da Universidad de Sevilla, co relatorio titulado “Cultura, comunicación e poder na España actual”. A xornada concluirá con Javier Marzal, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade, da Universitat Jaume I, que falará de “Tendencias da cultura e a comunicación na sociedade en rede”.

A xornada no CCG
Esta xornada encádrase nunha liña de traballo continuada do Consello da Cultura Galega de achegar reflexións e debates sobre como lles afectan as tecnoloxías ás formas de comunicar cultura, con especial atención a realidades como a galega. Nesta ocasión, o programa está orientado a ofrecer experiencias postas en marcha nestes anos da era dixital cunha análise dos resultados acadados, ao tempo que se debaterán posibles estratexias para que proxectos culturais sexan viables e sostibles.