Expertos avogan por máis contidos abertos nunha xornada do Consello da Cultura Galega

A necesidade de contidos de acceso libre, dunha xestión política que entenda a cultura en relación coa comunicación, coa educación e coa sociedade en xeral, así como a fin da comunicación de masas centraron a xornada “Cultura e comunicación na sociedade en rede”. Expertos nestas materias desde ámbitos como a semiótica ou a comunicación abordaron ao longo do día de hoxe cales son os retos e as oportunidades para unha sociedade conectada e cal o papel para as culturas minoritarias. A cita estivo coordinada polos profesores Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Expertos avogan por máis contidos abertos nunha xornada do Consello da Cultura Galega

Xosé López e Francisco Campos inauguraron esta xornada situándoa no contexto actual, onde destacaron que a confluencia entre todos os soportes xoga un papel central. “O espazo público, a converxencia e a universalidade son tres conceptos que han de coexistir” apuntou Campos. Pola súa parte, Xosé López incidiu en que este tipo de xornadas permítennos coñecer o contexto actual “para poder intervir nel”.

A sesión da mañá
Os relatorios arrincaron coa participación do profesor Miquel de Moragas, da Universitat Autónoma de Barcelona, un experto en semiótica e comunicación de masas e un dos principais introdutores dos estudos de comunicación na universidade española, que ofreceu un relatorio titulado “Interpretar a cultura e a comunicación na sociedade rede”. Nel debullou o contexto xeral desde un punto de vista teórico, no que avogou pola necesidade de redefinir o concepto da cultura. Situouno nun momento marcado polo cambio de paradigma onde xa non importa a difusión, senón a produción de contidos e onde os cambios tecnolóxicos están a intervir nas identidades culturais. Na súa opinión, as novas políticas deben pensar nun acceso aberto aos contidos; nunha xestión na que a singularidade e a notoriedade, clave para as culturas minorizadas, accedan ao mundo global; nun cambio na execución onde se dilúen as fronteiras entre o local e o global. Nesa idea afondou o profesor da Universidad de Málaga Miguel de Aguilera, que leva máis de trinta anos investigando no ámbito da cultura dixital, cun relatorio titulado “Tomar a cultura dixital en serio”, quen engadiu outro concepto: o empoderamento.

María Jesús Casals, da Universidad Complutense de Madrid, especialista en narrativa periodística, centrou o foco en experiencias de divulgación cultural e científica como son o portal do CSIC ou a Biblioteca Virtual Cervantes. “No fondo, as novas técnicas permítennos facer dun xeito diferente o de sempre, que é contar historias” apuntou. Na súa opinión, a tecnoloxía aumentou a interactividade e a fragmentación de tal xeito que estamos no contexto do fin da comunicación de masas, xa que agora a audiencia é activa e selectiva. A sesión da mañá rematou coa intervención de Jaume Guillamet, da Universitat Pompeu Fabra, que falou da crise do patrimonio documental.

A xornada da tarde
A sesión da tarde comezou coa intervención de Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universitat Autònoma de Barcelona, quen falou de cómo as redes dixitais transformaron as industrias culturais, sobre todo no que tiña que ver coa distribución e a relación co usuario. “As redes mudaron a experiencia de consumo e o xeito no que se accede aos produtos” afirmou. Insistiu que a converxencia e a complementariedade entre os medios pode ser unha oportunidade para as culturas minoritarias, como tamén o feito de que os usuarios producen e difunden os seus propios contidos. Seguiulle Ramón Reig, da Universidad de Sevilla, co relatorio titulado “Cultura, comunicación e poder na España actual”. Javier Marzal, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade, da Universitat Jaume I, puxo fin aos relatorios falando das tendencias da cultura e a comunicación no presente.

A xornada no CCG
Esta xornada encádrase nunha liña de traballo continuada do Consello da Cultura Galega de achegar reflexións e debates sobre como lles afectan as tecnoloxías ás formas de comunicar cultura, con especial atención a realidades como a galega. Nesta ocasión, o programa está orientado a ofrecer experiencias postas en marcha nestes anos da era dixital cunha análise dos resultados acadados, ao tempo que se debaterán posibles estratexias para que proxectos culturais sexan viables e sostibles. A cita forma parte dun ciclo que concluirá no outono cunha revisión das experiencias que se están a facer en Galicia sobre estas cuestións.

Outras noticias que te poden interesar: