NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá martes a exposición Galicia 100

Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura é unha exposición organizada polo Consello da Cultura galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, que constrúe un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior. A mostra inaugurarase mañá martes na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela ás 20:00 horas. A exposición contará tamén cun catálogo, unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio.

A exposición amosará unha selección de cen obxectos destacados do pasado de Galicia, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado, seleccionados pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo. Na construción deste relato amosa desde obxectos de gran valor artístico ou referencial ata útiles da vida cotiá; con todo, a exposición non seguirá un discurso cronolóxico tradicional, senón que procurará que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos.

A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.