O Consello da Cultura e Afundación presentan Galicia 100, a mostra que sintetiza a cultura galega en cen obxectos

O Foro do Burgo de Caldelas, unha das primeiras manifestacións en lingua galega, a bandeira do Consello de Galiza ou o teodolito de Domingo Fontán son algunhas pezas emblemáticas da cultura galega. Todas elas están en Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, exposición organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, que constrúe un relato da cultura galega a través da selección e da relación de cen obxectos. A mostra foi presentada esta mañá na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela por Ramón Villares, presidente da institución, e Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación. Canda eles, o comisario Manuel Gago detallou o discurso expositivo dunha mostra que conta con catálogo, aplicación para dispositivos móbiles e un sitio web que aposta pola interactividade na dixitalización do patrimonio.

“Galicia 100 permite construír un relato novo sobre Galicia e a súa cultura nun formato que xa está moi explorado pero que adaptamos para a nosa realidade” apuntou Ramón Villares na presentación. Canda el, o presidente da institución, Miguel Ángel Escotet, situou a mostra dentro dos eixes de traballo da entidade e incidiu na importancia da colaboración institucional ao destacar que “a cooperación é o resultado da identificación de expectativas comúns, de obxectivos compartidos e do desexo conxunto de mellora”. Segundo Manuel Gago, comisario da exposición, “a mostra ofrece unha lectura da identidade e da cultura galega a través de pezas significativas, escollidas pola súa capacidade de representar tempos, épocas, xentes e mentalidades”. Trátase de ofrecer ao visitante “unha experiencia na que os obxectos cobran protagonismo como punto de partida para contar como somos e como chegamos a ser o que somos”.
A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou a Mariscala, cadea coa que se sospeita que foi encarcerado o mariscal Pardo de Cela. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios. A mostra estará ata o 18 de setembro en Santiago, desde onde iniciará unha itinerancia que a levará ata a Coruña e Vigo.

Lecturas cronolóxica e conceptual
O proxecto expositivo ten dúas direccións. Por unha banda, está o catálogo, no que o lector se atopará unha lectura cronolóxica dos obxectos e no que estes están comentados, en textos moi divulgativos, por máis de sesenta expertos de numerosos ámbitos de investigación (historia, ciencias, comunicación, etnografía, industria), entre os que figura Francisco Díaz-Fierros, Chus Martínez Domínguez, Emilio Pérez Touriño, Xurxo Ayán ou David Barro. Este catálogo, ademais de impreso, dispón de web e unha app gratuíta para móbiles e tablets na que, ademais dos contidos textuais e gráficos, o usuario pode acceder a contidos interactivos, multimedia e participativos. Catálogo e app poderanse descargar de balde desde o web da exposición a partir de mañá.

A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado.

Coa finalidade de difundir a exposición, está programado que nas vindeiras semanas comece un programa de visitas didácticas pensadas para un público escolar, colectivos especializados e público en xeral.

Equipo asesor
A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares entre os que figura Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.


Antecedentes
Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido “A History of the world in 100 objects”, que foi adaptado e seguido noutros contextos como os Estados Unidos ou Irlanda. Precisamente, o comisario da exposición irlandesa, Fintan O´Toole, escribe un capítulo no catálogo desta mostra que incide na importancia da selección dos obxectos, non pola súa beleza ou a súa valía senón polas pegadas invisibles que quedan neles.

Outras noticias que te poden interesar: