NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega renova a composición do seu Plenario

Anxo Carracedo, Rebeca Blanco Rotea, Xulio Ríos Paredes e Carmen García Mateo son os novos membros do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta entidade levou a cabo no serán deste martes unha sesión plenaria ordinaria na que procedeu a nomear novos membros na quenda de personalidades, en cumprimento da Lei de creación da institución e do seu regulamento, que estipula o cambio, por metades, cada dous anos.

No Pleno que tivo lugar este martes procedeuse á votación e aprobación dos novos membros da institución da quenda de personalidades. Nesta ocasión aprobouse que pasen a formar parte do Plenario da institución Anxo Carracedo, Rebeca Blanco Rotea, Xulio Ríos Paredes e Carmen García Mateo, que cobren as vacantes deixadas por María Xosé Agra Romero, María Luísa Sobrino Manzanares, Iago Seara e Víctor Freixanes.

O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece a renovación, por metades, de personalidades destacadas no campo da cultura.