NOTICIA

----

500 nenos e nenas cantan en Cangas á lírica medieval no concerto “No bico un cantar”

As cancións dos xograres e trobadores medievais protagonizan a cuarta edición de “No bico un cantar”, un programa que ten un marcado carácter didáctico e cultural e xunta música, poesía e mocidade. A cita reunirá mañá en Cangas (Adro da igrexa de Santiago de Cangas, 17:30 horas) un gran coro formado por 500 nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia e de tres centros de música do Morrazo para cantarlle ao mar de Vigo. O concerto, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación coa colaboración do Concello de Cangas, acollerá a estrea da versión musicada do poema de Pero Viviaez “Pois nosas madres van a San Simón” a cargo do compositor Rogelio Groba.

O programa desta edición de “No bico un cantar” está conformado por catro poemas de diferentes xograres e trobadores que recollen trazos da lírica medieval. “A canção do marinheiro” de Lourenço, composta por Heitor Villa-Lobos, xunto con dúas obras moi populares como son as cantigas de Martín Códax "Quanto sabedes amar” e “Ondas do mar de Vigo", unidas nunha única peza, e "Rosa das rosas" de Alfonso X o Sabio. Canda elas, e como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta ocasión trátase da estrea da versión que Rogelio Groba fixo de "Pois nosas madres van a San Simón" de Pero Viviaez. O "Maio longo" de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir pecha este concerto.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto que xuntará medio millar de nenas e nenos chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia, do conservatorio de música de Cangas e das escolas municipais de música de Cangas e Moaña. Nesta ocasión tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto que complete o proxecto. A escritora Rosa Aneiros exercerá como mantedora do acto e na súa intervención destacará a riqueza da lírica medieval ao lembrar trobadores como Johán de Cangas, Martín Códax ou Meendinho.
A lírica trobadoresca é a primeira manifestación literaria da lingua galega. Nesta cuarta edición preténdese recoller a creatividade que o noso idioma viviu durante o período medieval, esa “gloriosa lírica gallega”, como lle chamou Antón Villar Ponte en Nuestra afirmación regional.
O concerto, que terá lugar ás 17:30 horas no adro da Igrexa de Santiago de Cangas, poñerá o peche a unha xornada de actividades na que está programada unha visita cultural á vila de Cangas, así como unha proxección audiovisual. Nesta xornada, alén da organización a cargo do Consello da Cultura e da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación así como da colaboración do Concello de Cangas, tamén participan as empresas Eroski Center, Torre de Núñez e Hoxe Queixos.

No bico un cantar
Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían 150 anos do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista do concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa edición estreouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega fixo diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes destaca a versión para coro e orquestra do poema “Penélope”, de José María Díaz Castro, realizada por Octavio Vázquez e estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (que tivo lugar o 16 de maio de 2014 en Lugo). Ademais, o CCG solicitou arranxos de composicións musicais existentes, como os que fixo Juan Durán da versión de José Baldomir do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible desde o web da institución.