NOTICIA

----

Un gran coro de 500 nenos e nenas cantoulle ao mar de Vigo no concerto “No bico un cantar”

A vila de Cangas acolleu este venres un concerto singular. 500 nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia e de tres centros de música do Morrazo xuntáronse no Adro da Igrexa de Santiago de Cangas para cantarlle ao mar de Vigo a partir de textos de Martín Códax, Afonso X ou o xograr Lourenço. Era a cuarta edición dun programa didáctico e cultural chamado “No bico un cantar” e organizado polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación. A cita supuxo tamén a estrea da versión musicada do poema de Pero Viviaez “Pois nosas madres van a San Simón” a cargo do compositor Rogelio Groba. No acto estaban presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Heitor Mera, concelleiro de cultura e normalización lingüística de Cangas, que anunciaron que a vindeira edición terá lugar en Mondoñedo.
Un gran coro de 500 nenos e nenas cantoulle ao mar de Vigo no concerto “No bico un cantar”

Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto co que o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación pretenden dar a coñecer poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Para esta edición, o programa recupera a riqueza da lírica medieval con catro poemas de diferentes xograres e trobadores. “A canção do marinheiro” de Lourenço, composta por Heitor Villa-Lobos, xunto con dúas obras moi populares como son as cantigas de Martín Códax "Quanto sabedes amar” e “Ondas do mar de Vigo", unidas nunha única peza, e "Rosa das rosas" de Afonso X o Sabio. Canda elas, e como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta ocasión trátase da estrea da versión que Rogelio Groba fixo de "Pois nosas madres van a San Simón" de Pero Viviaez. Como cada ano, o concerto rematou coa interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro musicado por José Baldomir.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico deste proxecto que xuntou medio millar de nenas e nenos chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia, do conservatorio de música de Cangas e das escolas municipais de música de Cangas e Moaña. Tamén repetiu o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para completar o sexteto. A escritora Rosa Aneiros exerceu como mantedora do acto e quixo destacar, ademais de diferentes acenos á cultura local, a riqueza da lírica medieval ao lembrar trobadores como Johán de Cangas, Martín Códax ou Meendinho.
A lírica trobadoresca é a primeira manifestación literaria da lingua galega. Nesta cuarta edición preténdese recoller a creatividade que o noso idioma viviu durante o período medieval, esa “gloriosa lírica gallega”, como lle chamou Antón Villar Ponte en Nuestra afirmación regional.

O concerto puxo o peche a unha xornada de actividades na que participaron os escolares e que consistiu nunha visita cultural á vila de Cangas, así como unha proxección audiovisual. Nesta xornada tamén colaboraron o Concello de Cangas, así como as empresas Eroski Center, Torre de Núñez e Hoxe Queixos.

Vindeira edición dun proxecto nado en 2013
O Consello da Cultura Galega promoveu en 2013 este proxecto para difundir dun xeito lúdico a música e a poesía galegas entre os máis novos. Na primeira edición, Rosalía de Castro foi a protagonista dun concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval ao coincidir co 150 aniversario do seu nacemento. Ao ano seguinte o homenaxeado foi Curros Enríquez e o concerto tivo lugar no Mosteiro de Celanova. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas e, para o vindeiro ano 2017, o proxecto desenvolverase en Mondoñedo. Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela e Xosé Díaz Jácome son os escritores aos que se pretende homenaxear.

Estrea absoluta de "Pois nosas madres" de Rogelio Groba
No concerto desta tarde estreouse a versión musicada do poema de Pero Viviaez "Pois nosas madres van a San Simón" que fixo o compositor Rogelio Groba. Nado en 1930 en Guláns, Groba é un dos compositores galegos actuais máis recoñecidos. No seu haber conta cun Premio da Crítica de Galicia e cunha Medalla Castelao. É membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Ademais, ten máis de 500 obras catalogadas, entre as que hai música sinfónica, de cámara coral, para piano... Esta nova encarga contribúe a incrementar o repertorio galego para coros que se encadra no marco dunha liña de traballo do Consello da Cultura Galega de promover composicións sobre textos clásicos da literatura galega.