NOTICIA

----

Unhas xornadas analizan desde mañá a situación actual da arqueoloxía en Galicia

Para unha parte da poboación a arqueoloxía é esa profesión que paraliza e atrasa as obras, para outra é unha paixón e para algúns unha auténtica descoñecida. Todos os axentes implicados na actividade arqueolóxica: profesionais, investigadores, docentes ou técnicos participarán nunhas xornadas do Consello da Cultura Galega que pretenden trazar un estado da cuestión da arqueoloxía en Galicia. A cita, que se desenvolverá ata o xoves 15, conta cunha enquisa anónima e voluntaria na rede para coñecer a opinión da cidadanía sobre este sector. As xornadas poderanse seguir en directo desde o web da institución.

Máis de vinte especialistas e profesionais que traballan arredor da arqueoloxía participarán durante dous días nun encontro encamiñado a establecer o presente e o futuro da arqueoloxía galega desde todos os ángulos posibles: desde a docencia ata a profesión, pasando pola investigación científica. Iago Seara, Rebeca Blanco-Rotea, Teresa Nieto, Bieito Pérez e Matilde González coordinan un encontro que se estrutura en cinco mesas de debate.

As xornadas comezan mañá martes cunha mesa titulada “Os profesionais da arqueoloxía antes os desafíos do século XXI” e pensada para ofrecer unha visión panorámica da situación actual e unha prospección de futuro, é dicir, dos retos que quedan por acometer. A segunda mesa, moderada por Rebeca Blanco-Rotea, fará un repaso polas iniciativas e proxectos desenvolvidos nos últimos anos en Galicia. Nela daranse a coñecer os convenios e contratos da universidade con empresas para realizar actuacións nesta materia, así como a visión de arqueólogos profesionais como Luis F. López González ou Fermín Pérez Losada. A primeira sesión pecha cunha terceira mesa centrada no ensino, na oferta e nos programas docentes relacionados co ámbito arqueolóxico tanto no marco universitario como fóra del, e nela participan Pilar Prieto, Pastor Fábrega e Beatriz Comendador Rey.

A xornada do mércores 15 centrará o foco en dúas cuestións centrais: dunha banda a actuación da Administración e, da outra, a percepción pública e profesional sobre a arqueoloxía. A cuarta mesa ten como título “Xestión recente do patrimonio arqueolóxico”. Miradas desde a Administración” e está moderada por Teresa Nieto, arquitecta especialista en planeamento e membro do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Nela falarán profesionais pertencentes a diferentes administracións (local, provincial e autonómica) para reflexionar sobre xestións e proxectos relacionados con esta materia. As xornadas conclúen cunha quinta mesa pensada para recoller as miradas doutras profesións sobre a arqueoloxía galega. Un arquitecto restaurador, un arquitecto urbanista, un enxeñeiro de camiños, un especialista en planeamento e un investigador conforman os perfís profesionais desta mesa.

A opinión sobre a arqueoloxía
Coa intención de coñecer como a sociedade en xeral entende e ve a arqueoloxía galega, os organizadores da xornada decidiron crear unha enquisa anónima e voluntaria que estivo dispoñible desde o sitio web do Consello da Cultura Galega desde a apertura do prazo de inscrición. Constaba de tres preguntas e os resultados debateranse publicamente na última sesión das xornadas, no marco da mesa encamiñada a coñecer miradas doutras profesións sobre este tema.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais conta entre os seus membros con Concepción Varela, María García-Alén, Pegerto Saavedra, Marcial Gondar ou Bieito Pérez. Das súas actividades recentes destacan os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”, unha proposta que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. Fanse con carácter periódico e tentan participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Desenvolvéronse media ducia de sesións que analizaron casos como o do illote de Guidoiro Areoso, os resultados dunha investigación sobre o impacto do Camiño de Santiago na cidade, a pegada da Alta Idade Media en Galicia ou o xacemento de Cova Eirós, entre outras propostas.