NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega acolle un encontro de poesía vasca e galega

O recital unirá a poesía galega e vasca nas voces de Leire Bilbao, Felipe Juariti, Miren Agur Meabe, Gonzalo Hermo, Manuel Rivas e Dores Tembrás. O escritor e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Anxo Angueira, fará de mantedor do acto. O recital terá lugar este xoves 16 de xuño ás 19 horas na sede da institución.

O programa chega a Galicia para dar así continuidade a un proxecto de amplo alento promovido polo Instituto Etxepare, o Instituto Ramon Llul e o Consello da Cultura Galega.

Iniciado en Barcelona en 2015 cun primeiro encontro entre poesía catalá e vasca, logo da cita galega terán lugar unha rolda de recitais sucesivos (en Galicia, Catalunya e Euskadi) para ir estreitando os vencellos entre as tres culturas, coa poesía como aliada na construción dun espazo común e diverso no que existirmos e dende o que falar coas nosas propias voces. O proxecto inclúe a edición dun libro web cunha escolma de cinco poemas de cada poeta traducida a ambas as linguas do recital. A publicación, que conta cun antecedente da edición catalá, estará a disposición do público no web institucional do Consello da Cultura Galega.

Esta iniciativa quere ser unha ponte máis pola que transitarmos cara a ese futuro intercultural e multilingüe.