NOTICIA

----

Unha xornada para analizar como a ciencia nos axuda a pensar

Como combater a publicidade enganosa ou os razoamentos baseados en ideoloxías? A resposta a esta pregunta está nunha xornada titulada “As ciencias ensinan a pensar: razoamento científico e pensamento crítico” que se desenvolve mañá mércores no Consello da Cultura Galega. Destacados especialistas tratarán de explicar como as ciencias nos axudan a desenvolvernos na nosa vida diaria ao ter en conta probas e argumentos e non opinións subxectivas. A sesión poderá seguirse en directo desde o web da institución.Como combater a publicidade enganosa ou os razoamentos baseados en ideoloxías? A resposta a esta pregunta está nunha xornada titulada “As ciencias ensinan a pensar: razoamento científico e pensamento crítico” que se desenvolve mañá mércores no Consello da Cultura Galega. Destacados especialistas tratarán de explicar como as ciencias nos axudan a desenvolvernos na nosa vida diaria ao ter en conta probas e argumentos e non opinións subxectivas. A sesión poderá seguirse en directo desde o web da institución.

A forma de traballar das ciencias inclúe o razoamento, a avaliación do coñecemento baseándose en probas e en argumentos e non en opinións subxectivas. Un xeito de proceder que axuda ao desenvolvemento dun pensamento crítico no que colaboran coas humanidades e coa filosofía. Ter en conta o papel das ciencias no desenvolvemento dese pensamento é a tarefa dunha xornada coordinada por Marilar Aleixandre e organizada pola Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

O programa
A cita arrinca coa conferencia da doutora Conxita Márquez, profesora na UAB e editora da revista Enseñanza de las Ciencias, que estuda como promover a lectura crítica de textos científicos en secundaria, e como avaliar a fiabilidade da publicidade sobre cuestións de saúde e de cosmética. Despois falará o doutor Christian Plantin, profesor de Ciencias da linguaxe, que é un pioneiro nas investigacións arredor das interaccións entre razón e emoción no discurso argumentativo sobre cuestións científicas de relevancia social.

Pola tarde terá lugar a achega galega a este enfoque do papel das ciencias. A doutora Marilar Aleixandre, que dirixe un grupo de investigación sobre razoamento e pensamento crítico con atención a cuestións como as ideas deterministas, ofrecerá un relatorio titulado “O desenvolvemento do pensamento crítico sobre cuestións científicas de incidencia social”. A xornada conclúe cunha mesa redonda na que participan Ánxela Bugallo, Juan Ramón Gallástegui Otero, Andrés Sanjuan e Manuel Vicente, persoas con experiencia nas críticas á pseudociencia e no esforzo por promover unha imaxe adecuada das ciencias desde Galicia.
Con esta xornada preténdese facer explícito este papel das ciencias na crítica á pseudociencia, á publicidade enganosa ou a ideas, como o racismo, baseadas na ideoloxía e non nos datos científicos.

Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza (o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos,ou a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga) ou informes como A divulgación da ciencia en Galicia, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.