Unha xornada do Consello da Cultura afonda na relación entre a arte e a educación

A Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega realiza mañá unha xornada en que pretende reflexionar sobre as relacións entre a arte e a educación. Na liña de traballo habitual, de poñer a arte en diálogo con outras estruturas ou disciplinas, busca agora afondar nas estratexias e nos modos nos que a arte está presente na sociedade e na educación. A sesión complétase cunha intervención que recolle un mapa conceptual e gráfico sobre estas materias a partir da colaboración das e dos participantes.

Natalia Poncela coordina unha cita de especial relevancia, xa que a relación arte e educación é un binomio fundamental nas artes visuais contemporáneas. Nesta xornada preténdese poñer sobre a mesa que estratexias son posibles desde o eido da creación, da educación ou da mediación artística e que espazo ocupa a educación dentro do mundo da arte. Ademais, o programa tamén pretende facer unha revisión das responsabilidade das institucións nesta materia.
De xeito complementario á xornada, Cristina Trigo, integrante do grupo de investigación C3, realizará unha intervención colaborativa que permitirá ofrecer unha idea visual do coñecemento actual do binomio arte e educación.

O programa
A xornada vertébrase en dúas sesións: unha primeira centrada en coñecer experiencias e iniciativas reais que poñen en evidencia diferentes formas de relacionar arte e educación tanto desde un punto de vista profesional como o académico; e unha segunda pensada en coñecer como a formación artística permite a creación de novos públicos.

Na primeira das sesións, as experiencias desde o ámbito privado chegan da man de Andrea de Pascual e de Javier Rodrigo. De Pascual é integrante da asociación sen ánimo de lucro Pedagoxías invisibles, que promove novas formas de aprendizaxe artística que pretenden reflexionar sobre asuntos artísticos e sociais. Javier Rodrigo, que conforma xunto con Antonio Collados a plataforma Transductores, no relatorio titulado “Entre-medias dos bens comúns. Cruzamentos e conflitos entre políticas culturais e educativas” ofrecerá a súa experiencia na mediación. As súas posturas súmanse á de Federico López Silvestre e Silvia García, ambos do ámbito universitario, na mesa de debate que ten o título “Arte+Educación=?”.

A sesión da arte está centrada nos novos públicos e na formación artística. Sobre a participación e os procesos artísticos en contextos educativos falará Teresa Torres de Eça, de InSEA. International Society for Education Throug Art, que despois se une á mesa de debate moderada por Natalia Poncela e na que tamén participan Cristina Trigo, Juan Fernando de Laiglesia e Xabier Lorenzo.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Está integrada por artistas, críticos e xornalistas como Natalia Poncela, Chus Martínez, Camilo Franco, Miguel Anxo Prado, Federico López Silvestre ou Almudena Fernández Fariña. Entre as súas actividades figura a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos actualizada, un directorio e centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Entre as publicacións máis recentes destaca Arte+mulleres. Creadoras galegas, unha análise centrada na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e Arte+pintura, que recolle as achegas dunha xornada realizada en 2014.

Outras noticias que che poden interesar: