NOTICIA

----

Descende a asistencia pero sobe a recadación de música en Galicia, segundo o Observatorio da Cultura Galega

O panorama musical galego mudou pouco nos últimos tempos e sitúase nun contexto de descenso de concertos e asistentes. En 2014, realizáronse 1136 concertos de música clásica (36 menos que en 2013) aos que asistiron 236 087 espectadores. No caso da música popular en vivo, rexistrouse unha baixada no número de concertos, que pasan de 4606 a 3938, un descenso dun 7,2 % de espectadores, que se sitúa nos 941 000. O aspecto positivo está na recadación xa que tanto na música clásica como na popular melloraron as cifras. Na música clásica a recadación sitúase nos 763 565 euros, un 11,8 % máis que en 2013. No caso da música popular en directo, recadáronse 5 778 000 euros, 287 000 euros máis que en 2013. Son cifras do estudo “A música clásica en Galicia (2016)”, o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (OCG-DT), que fai unha desagregación do sector por xéneros musicais.

O ano 2007 foi un ano especialmente bo para a música en Galicia, tanto no número de concertos como de espectadores e de recadación. Desde entón, coa chegada da crise, todos os indicadores comezaron a baixar condicionados polo adelgazamento dos orzamentos para as orquestras profesionais e para as programacións culturais. Ese contexto de descenso xeral apréciase tanto nos indicadores da música clásica como nos da música popular en vivo, tal e como rexistra o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (OCG-DT).

A música clásica
O panorama da música clásica está marcado por ese contexto xeral de descenso continuado. En 2014, de acordo co Anuario de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales 2015, en Galicia leváronse a cabo 1136 concertos, 36 menos que en 2013, que se sitúan moi lonxe dos 1447 concertos realizados en 2010. Dentro deles, é a epígrafe de música de cámara e solistas a que concentra unha maior actividade, con 551 actuacións. Séguenlle as bandas de música e corais con 364 concertos e a música sinfónica con 115. A música coral sofre a maior baixada, ao pasar de 265 actuacións en 2008 a 106 en 2014. Este descenso tamén se traslada aos espectadores, que descenden ata os 236 087, a cifra máis baixa desde 2001. A media de espectadores por concerto é de 207,8, moi inferior á media estatal, que se sitúa nos 305,5.

En canto á recadación, o DT do Observatorio establece que o total de concertos de música clásica supuxo en 2014 763 565 euros, un 2,1 % do total en España. Isto revela un incremento dun 11,8 % a respecto de 2013 e a mellor cifra desde 2010. Como dato positivo, o prezo medio da entrada en 2014 aumentou un euro con respecto ao ano anterior: sitúase agora en 9,7 euros (a media en España é de 15). Ademais, o número de espectadores de concertos en que hai que pagar entrada incrementouse en 206 persoas. A maior parte desa recadación, concretamente o 67 %, correspóndelle á música sinfónica, que se sitúa 7 puntos porcentuais por riba do que acontecía en 2013.
En 2014 o número de concertos de música sinfónica foise recuperando, con 115 actuacións, 13 máis que en 2013, pero 32 menos que en 2010. Galicia está no sexto posto do conxunto estatal en canto a concertos dese tipo. Deles, o 46 % son de carácter gratuíto.

O DT tamén dedica un espazo a analizar os concertos das orquestras profesionais: a Real Filharmonía de Galicia (RFG) e a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Ambas ofreceron 134 concertos en 2015, a RFG un concerto cada 4,9 días e a OSG un cada 6,2 días. Mentres a RFG reduciu á metade os concertos fóra de Galicia, a OSG acadou a cifra máis elevada dos últimos catro anos con 7 actuacións.
Polo demais, a música de cámara rexistrou un descenso no número de concertos (un 5,6 % menos que en 2012), que acadaron 107 197 espectadores. No que ten que ver coa música coral, apréciase unha baixada dun 52 % no número de concertos, que se traduce nun descenso de espectadores do 72 %, que pasan de 31 035 en 2010 a 8674 en 2014. A música de bandas e rondallas tamén diminuíu en Galicia, tanto en espectadores como en concertos.

A música popular en vivo
En 2014 o Anuario de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales 2015 contabilizou en Galicia 3938 concertos, aos que asistiron 941 000 espectadores, un 7,2 % menos que no conxunto estatal. Todas estas cifras son máis baixas que as rexistradas en anos anteriores e amosan unha tendencia semellante ao resto do Estado. Con todo, houbo unha recadación de 5 778 000 euros, 287 000 máis que en 2013, e tamén unha suba de 14 espectadores de media por concerto (agora en 239) e un gasto medio por espectador de 6,1 euros, a contía máis alta de toda a serie temporal analizada.
Son os concertos de pop rock os que concentran os mellores indicadores en canto ao número, recadación e espectadores. Séguenlles os de jazz, blues e soul e, en terceiro lugar, os de folk.

Con respecto á recadación, segundo o Observatorio, en 2014 prodúcese unha suba que semella romper a tendencia baixista iniciada a partir de 2010 e que é común a Galicia e a España. Fronte aos 5 491 000 euros de 2013, recadáronse 5 778 000 euros, o que supón o 4,9 % da recadación total en España. O 92,8 % da recadación total en Galicia correspóndese con concertos de música pop rock. Ademais, o gasto medio por espectador en Galicia é de 6,1 euros, 30 céntimos por riba da media nacional, o que nos sitúa no sexto posto de España.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT).
Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Anuario de las Artes Escénicas, Musicales y Audiovisuales da Sociedad General de Autores (SGAE), así como cifras de elaboración propia.


Consulta o Documento de Traballo (OCG-DT) A Música en Galicia (2016)