NOTICIA

----

O Consello da Cultura presenta en Ponta Delgada un libro sobre emigración e exilio en Galicia e Azores

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presenta mañá en Ponta Delgada (Illa de São Miguel, Azores) a publicación Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores. A actividade, organizada coa Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento (FLAD), enmárcase dentro dos actos conmemorativos do corenta aniversario da autonomía da asemblea lexislativa das illas dos Azores. No acto tamén estarán presentes dous coordinadores da publicación, Alberto Pena e Mário Mesquita, así como Michael Baum, administrador da FLAD.
O Consello da Cultura presenta en Ponta Delgada un libro sobre emigración e exilio en Galicia e Azores

No marco do corenta aniversario da autonomía da asemblea lexislativa dos Azores, o Consello da Cultura Galega presenta unha publicación que dá a coñecer os vínculos entre Galicia e os Azores en aspectos comúns, como foron as experiencias migratorias aos Estados Unidos: desde a integración dos emigrantes nas sociedades de acollida, as súas relacións co mundo do exilio, ata a aparición e consolidación de novos medios de comunicación na diáspora, sen esquecer o papel das comunidades emigrantes na diplomacia cultural.

Alberto Pena, da Universidade de Vigo, ofrecerá unha conferencia titulada “A imprensa da imigração luso-americana”. A actividade, que terá lugar ás 18:30 (hora portuguesa) na Livraria Solmar (Av. Infante Henrique, 71 - Loja 7, Ponta Delgada), está organizada coa Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento, institución portuguesa que promove proxectos de cooperación entre a sociedade civil portuguesa e americana. A presentación tamén contará coa intervención do profesor Luís Andrades, da Universidade dos Açores.

Outras colaboracións entre o CCG e a FLAD
Esta presentación encaixa na liña de acción exterior e, nomeadamente, nunha liña de traballo que o CCG desenvolve coa FLAD desde hai un tempo e que se concretou en varios seminarios. O primeiro tivo lugar en Horta (Azores), organizado conxuntamente pola Fundação Luso-Americana e o Consello da Cultura Galega (coa colaboración do Goberno e da Universidade dos Açores), e nel analizáronse os diferentes procesos migratorios da comunidade galega e azoriana aos Estados Unidos de América (EUA). Os emigrantes azorianos concéntranse, nomeadamente, nos Estados Unidos, mentres que os galegos se espallan por todo o continente, aínda que a súa presenza no territorio norteamericano foi singular. A segunda cita tivo lugar en San Simón en 2012, centrábase na análise das relacións migratorias entre ambas as comunidades e os seus resultados son os que recolle a publicación que mañá se presenta.

Descarga a publicación Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores