NOTICIA

----

A 26 Conferencia Anual da AEMI deita novas olladas sobre a diáspora migratoria europea e a identidade cultural

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Hans Storhaug, presidente da AEMI, foron os encargados de inaugurar o pasado mércores un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega e que conta coa participación de medio cento de especialistas de museos da emigración de toda Europa.

Ramón Villares agradeceu a escolla do Consello da Cultura Galega como sede da presente conferencia da AEMI, feito que avala o papel referencial do seu Arquivo da Emigración no estudos migratorios galegos. Pola súa banda, o presidente da AEMI, o noruegués Hans Storhaug, destacou a presenza de cincuenta oradores que abranguen trescentos anos de investigación, dende o a emigración protestante alemana en Londres e Nova York no século XVIII, tratada por Simone Eick, ata a análise da crise migratoria en Europa que analizará Jean-Barthelemi Debost, do Musée National de l´Historia de l´imigration de Paris. A continuación, o profesor da Universidad de Buenos Aires Fernando Devoto impartiu a conferencia maxistral que centrou na diferenza entre centros memoriais e centros históricos e salientou os propósitos dispares que guían o traballo de memorialistas e historiadores á hora de abordar a noción de identidade.

Para finalizar a xornada do mércores, os participantes da Conferencia da AEMI foron recibidos por Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, quen lles deu a benvida e desexou unha boa estadía na cidade.

Sesións de traballo
As sesións de traballo celebradas o xoves pola mañá estiveron dedicadas a diferentes tipos de emigración: as novas migracións internas en Europa na actualidade (exemplificada nas emigracións galega, croata e italiana cara a Alemaña); a emigración dos romaneses a Dinamarca e as estratexias de mobilidade e xénero no contexto da crise económica en Galicia. Na segunda sesión as comunicacións de especialistas de Italia, A Coruña, Portugal e Gran Bretaña, centráronse nas políticas migratorias e as diferentes consecuencias sociais nos países de saída dos emigrantes. A terceira sesión está dedicada á historia da emigración -con estudos comparados entre as diásporas galega e vasca e a diáspora irlandesa- a análise da emigración alemana en Estados Unidos entre os anos 1848-1918. A sesión da tarde analizará os estudos sobre identidade e relixión como patróns de comportamento colectivo, temática analizada nun total de 9 comunicacións.

O venres será o tempo do transculturalismo e da relación entre os museos adicados á emigración e as novas tecnoloxías. Na última sesión terá lugar un debate no que se tratará o papel das institucións que conforman a AEMI na crise dos refuxiados hoxe en día en Europa.

O encontro reúne a representantes de museos migratorios de Bélxica, Croacia, Alemaña, Inglaterra, Finlandia, Francia, Dinamarca, República de Irlanda, Latvia, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Portugal, Polonia, España, Norte de Irlanda, San Marino, Escocia, Eslovenia, Suecia, Australia, Grecia, Estados Unidos, Canadá e Brasil. A conferencia maxistral de peche correrá a cargo de José Moya (Barnard College/Columbia University) quen falará sobre as Diasporas e identidades culturais nunha perspectiva global.
A presente edición da Conferencia da AEMI está a ser retransmitida en directo a través do web www.consellodaculturagalega.gal e as mesas de traballo quedarán gravadas na Mediateca da institución a disposición dos usuarios.