----

A escritora brasileira Nélida Piñón mantivo un encontro no Consello da Cultura Galega con representantes da cultura galega

A escritora brasileira Nélida Piñón , filla e neta de emigrantes galegos de Cotobade, exerceu de embaixadora cultural nun encontro mantido con representantes da cultura galega no que analizou a proxección exterior de Galicia no Brasil e as posibilidades que este intercambio pode ter para ambas culturas.
A escritora brasileira Nélida Piñón mantivo un encontro no Consello da Cultura Galega con representantes da cultura galega

A “nosa escritora galega máis universal” e autora dunha novela, A república dos sonhos, que “nos coloca, non só na literatura universal, senón tamén no imaxinario cultural do Brasil”, en palabras de Ramón Villares, está estes días en Galicia para asitir ao congreso mundial do Pen Club e aproveitou a visita a Santiago para manter un diálogo sobre as potencialidades e eivas da imaxe internacional de Galicia. Nese sentido, restaurar e dignificar a imaxe do emigrante galego, homenaxear e recoñecer o papel da comunidade galega na construción do país e establecer lazos cos líderes locais foron algunhas das claves ofrecidas pola autora para favorecer o coñecemento de Galicia no Brasil e facilitar a proxección exterior da cultura galega.

Na conversa participaron , ademais, membros do Plenario do Consello da Cultura Galega como Dolores Vilavedra, Rosario Álvarez Blanco, Francisco Díaz Fierros, Maximino Zumalave, Carmen García Mateo e Xulio Ríos; Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) Carla Amado (directora do Centro Cultural do Instituto Camões en Galicia), Almudena Hospido (vicerreitora de Internacionalización da USC), Daniel González Palau (IGADI) e Camilo Nogueira (exdeputado europeo).