NOTICIA

----

Cataluña, Portugal e Irlanda, os grandes referentes externos das Irmandades da Fala

Cataluña, Portugal e Irlanda conforman os grandes ecos externos das Irmandades da Fala, tal e como afirmou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na primeira intervención do congreso “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación” que estes días ten lugar en Santiago de Compostela. O simposio, coordinado por Xosé M. Núñez Seixas pretende estabelecer unha ollada dende fóra e unha reflexión sobre o peso que os referentes exteriores tiveron nas Irmandades da man dos mellores especialistas europeos na materia.
Cataluña, Portugal e Irlanda, os grandes referentes externos das Irmandades da Fala

O simposio, coordinado por Xosé M Núñez Seixas pretende estabelecer unha ollada dende fóra e unha reflexión sobre o peso que os referentes exteriores tiveron nas Irmandades da man dos mellores especialistas europeos na materia

6/10/2016

Trece historiadores europeos transnacionais, pioneiros no ámbito da historia comparada son os encargados de contextualizar o movemento das Irmandades para entender o seu significado de xeito global e comparado. Os expertos defenderon que o nacemento das Irmandades no ano 1916 non constitúe un feito illado senón que entronca directamente co que estaba a suceder na Europa do momento. Deste xeito, a crise do sistema político da Restauración, a vertente americana no pouso dos emigrantes retornados e o conflito europeo co conseguinte auxe dos nacionalismos na Europa de entreguerras outorgaron ás Irmandades unha dimensión internacional da que os seus integrantes foron conscientes. A reivindicación nacional era o signo dos tempos e Galicia mergullou nesa vaga internacional con claros referentes en Cataluña, Portugal e Irlanda. O seu programa de regaleguización, atención aos problemas económicos e a autonomía como forma de autogoberno non chegou a se consolidar como unha ruptura xeracional completa, pero foi crucial na ruptura cultural coa creación de numerosos elementos simbólicos (prosa, efemérides, música, himno, bandeira, monumentos) que conforman o repertorio do nacionalismo, tal e como defendeu o profesor Ramón Villares.

O politólogo Ramón Máiz abordou a Nación imposible: identidade e nacionalidade na crise do imperio austrohúngaro da man do político austríaco Otto Bauer e do escritor Robert Musil. A súa novela inacabada “O home sen propiedades” permitiulle ao profesor da USC establecer as tensións do modernismo-postmodernismo e as múltiples ideas de nación dun dos grandes referentes da literatura austríaca. Pola súa parte Joep Leerssen, da Universidade de Ámsterdam e experto en historia dos nacionalismos, impartiu a conferencia titulada Nacionalismo, transferencia cultural e historia transnacional. A coincidencia temporal en Europa no ano 1916 da longa batalla de Verdún, a proclamación da República de Irlanda e o nacemento das Irmandades da Fala servíronlle ao profesor danés para esbozar unha análise da mobilidade cultural e mobilización política: a dinámica transnacional, a acción nacional. Finalmente, Malte Rolf da Universidade Otto-Friedrich de Bamberg analizou o papel dos bolxeviques, a guerra civil rusa e as nacionalidades.

A sección da tarde aborda a difusión do principio das nacionalidades na Europa coas conferencias sobre o impacto da IGM nos movementos nacionalista da Europa occidental (Xosé M. Núñez Seixas), as linguas e nacionalidades na Europa da IGM (Johannes Kabatek), o impacto da IGM na (re)construción das historias nacionais (Stefan Berger) e os agrarios, agraristas, cuestión nacional e democracia na Europa (Lourenzo Fernández Prieto e Miguel Cabo). A sección III do venres pola mañá tratará a cuestión dos estados-nación e minorías na posguerra (1918-1925) cos relatorios de Francesca Zantedeschi, Stefan Dyroff, Balázs Trencsényi e Laurence Cole.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Outras noticias que te poden interesar: