----

As Irmandades da Fala situaron Galicia na corrente do pensamento europeo contemporáneo

O congreso “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, que estes días tivo lugar en Santiago de Compostela, permitiu delimitar as correntes de pensamento imperantes na Europa no tempo da Primeira Guerra Mundial e que influíron no nacemento das Irmandades. O simposio, coordinado por Xosé M. Núñez Seixas xuntou a trece historiadores europeos transnacionais, pioneiros no ámbito da historia comparada, para debullar o significado das Irmandades de xeito global.
As Irmandades da Fala situaron Galicia na corrente do pensamento europeo contemporáneo

O nacemento das Irmandades no ano 1916 non constitúe un feito illado senón que entronca directamente co que estaba a suceder na Europa do momento. Neste senso, as reflexións na esfera pública europa sobre os termos “nacionalidade”, “nación”, “autodeterminación” e o “principio da nacionalidades”, que foron complexas e mudables, configuraron o ambiente en que xurdiron e se desenvolveron as Irmandades da Fala. A iso uniuse o debate trala Primeira Guerra Mundial sobre o novo concepto de “minoría nacional”. Así o manifestou o coordinador, Xosé M. Núñez Seixas, nas conclusións do congreso “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, que tivo lugar no Consello da Cultura Galega os días 6 e 7 de outubro. Nesas discusións, engade, tivo grande influxo a revolución soviética e a súa proclamación de apoio á autodeterminación das nacionalidades. Como reacción (implícita) a esa declaración, as propostas de paz de Wilson, presidente dos EEUU, foron interpretadas por boa parte da opinión pública europea, sobre todo nas nacionalidades sen Estado, como un apoio ás súas reivindicacións e o nacemento do concepto de “autodeterminación nacional”.

Nas xornadas tamén se reflexionou sobre a extensión deses principios aos “micronacionalismos” da Europa occidental, de Bretaña ao Val de Aosta; sobre os mecanismos desa difusión; sobre a cuestión lingüística, o xurdimento de novas historiografías nacionais ou a memoria da IGM en rexións multiétnicas. Os relatorios foron impartidos por profesores das principais universidades europeas como Ramón Villares, Ramón Máiz, Joep Leerssen, Malte Rolf, Xosé M. Núñez Seixas, Johannes Kabatek, Stefan Berger, Lourenzo Fernández Prieto, Miguel Cabo, Francesca Zantedeschi, Stefan Dyroff, Balázs Trencsényi e Laurence Cole.

O congreso, no que participaron máis de cen persoas, constitúe o primeiro dos tres encontros que o Consello da Cultura Galega organizará en relación co tempo das Irmandades da Fala. En 2017, e coordinado por Ramón Máiz, terá lugar o seminario Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX:nacionalismos culturais e políticos, o exemplo das Irmandades da Fala. Finalmente, Ramón Villares coordinará en 2018 o seminario Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: Ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia