----

Os micromedios collen pulo na Internet galega

O 97,5% dos mozos e mozas galegos de entre 16 e 24 anos acceden habitualmente a Internet e, na súa práctica totalidade, empregan a rede para, entre outras variables, “ler ou descargar noticias de xornais e revistas”. Entre toda a oferta dispoñible en Internet poden informarse a través de novos micromedios: cabeceiras mantidas por usuarios ou pequenos grupos de particulares con dinámicas propias dun medio de comunicación. Así o recolle o informe A comunicación en Galicia 2015 que vén de se facer público e serve de marco para a xornada Panorama de iniciativas culturais galegas na rede que hoxe, martes 8 de novembro, se desenvolve no Consello da Cultura Galega. Nela, profesionais de medios como Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Campo Galego, Teo Vivo, Que pasa na costa, Palabra Comum, A sega ou Gz Música achegan as súas experiencias para coñecer o estado actual das publicacións culturais galegas na rede.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Os micromedios collen pulo na Internet galega

“A crise económica, os cambios no sector da comunicación e a dinámica de transformación das redes sociais provocaron estes anos o nacemento do que se definiu como micromedios: as cabeceiras mantidas por usuarios ou pequenos grupos de particulares que inclúen as diferentes dinámicas propias dun medio de comunicación pero a pequena escala: elaboración de contidos xornalísticos, facturación publicitaria ou por outras vías”. Así se tira do artigo sobre a Internet galega asinado por Xosé López, Manuel Gago e Xosé Pereira no informe A comunicación en Galicia 2015 que o Consello da Cultura Galega acaba de facer público. Cal é o público ao que se dirixen estes micromedios? No informe constátase que a porcentaxe de conectividade a Internet da sociedade galega aproxímase a un sesenta por cento, sendo unha das comunidades españolas con menor penetración. Cómpre salientar que no caso da mocidade acada un 97,5% e sitúase basicamente nas áreas urbanas de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña. Buscar información e servizos, recibir ou enviar correo electrónico e ler eou descargar noticias son os seus principais hábitos de uso. Este foi o marco de traballo da xornada Panorama de iniciativas culturais galega na rede que se desenvolveu o martes, 8 de novembro, no Consello da Cultura Galega.

Joao Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, Alberto Marinelli (Università da Sapienza de Roma) e Andreu Casero Ripollés (Universitat Jaume I de Castellón) foron os encargados de debuxar o contexto internacional na actual sociedade líquida con especial atención á de televisión e cultura e o quinto poder na rede, monitorización, comunicación, cidadanía e democracia: novas estratexias e novos territorios na era 2.0. Pola súa banda, Hakan Casares, do Observatorio da Cultura Galega, abordou a cuestión das industrias culturais e creativas galegas na rede (entre as cales están as publicacións), un sector que move o 2,5% do PIB con 27.500 empregados e move 4,4M de euros en exportacións. Cun 35% do gasto cultural das familias dedicada ao tratamento da información e Internet, Casares sinalou que os seus grandes desafíos son o financiamento, a pouca cooperación inter/intrasectorial, os mercados internacionais, a formación, protección da propiedade intelectual e cambios nos hábitos dos consumidores. Pero existen tamén moitas oportunidades, engadiu, como a gran demanda e novos nichos de mercado, mercado de contidos amplo, novas formas de distribución, o interese ado sector TIC e das ICC para crear sinerxías, financiamento público e o turismo cultural.

A continuación, e logo das panorámicas internacionais e galega, foron os responsables de diferentes medios, David Lombao (Praza Pública), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Rocío Castro (Sermos Galiza), David González (Campo galego), Ana Conde (Teovivo), Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa, Alfredo Ferreiro (Palavra Comum), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música) quen expuxeron as súas experiencias particulares.

Por outro lado, o informe A comunicación en Galicia 2015, coordinado por Xosé López García e Rosa Aneiros Díaz, aglutina quince artigos de vinte e tres autores que abordan cuestións tan diversas como a prensa, a radio, Internet, o cinema, as relacións públicas, a publicidade, os gabinetes de comunicación, as telecomunicacións, a televisión, ademais de novas experiencias do campo da comunicación.

Ligazóns relacionadas:

Informe A comunicación en Galicia 2015 http://consellodacultura.gal/mediateca/documento.php?id=4118

Outras noticias que te poden interesar: