----

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Innovación e Industria colaboran en actividades e proxectos de divulgación da ciencia

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2007.- A Consellaría de Innovación e Industria e o Consello da Cultura Galega (CCG) veñen de asinar un protocolo de colaboración para a organización de actividades de divulgación e difusión da cultura científica entre os cidadáns. Esta iniciativa enmárcase no Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+I 2006-2010 (INCITE).

O convenio establece que Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de I+D+i, financiará con 90.000 euros o programa de actividades e publicacións “Cultura con Ciencia” e a continuación do “Proxecto Sarmiento”, ambos os dous desenvolvidos polo CCG.

O Programa “Cultura con Ciencia” propón a realización dunha serie de actividades que teñen por obxecto o recoñecemento do valor da cultura científica, a súa difusión entre o gran público e, ao mesmo tempo, o recoñecemento da excelencia por parte de investigadores sinalados. Deste xeito, o programa está formado por un ciclo de sete conferencias noutras tantas cidades galegas nas que intervirán figuras distinguidas de diversos campos científicos, con capacidade para transmitir unha idea positiva do seu traballo, pero tamén de combinar perspectivas de diálogo entre as “dúas culturas”, a humanística e a experimental. Entre os conferenciantes están Anna Cabré, directora do Centre d’Estudis Demogràfics; Pedro Miguel Echenique, catedrático de Física de Materia Condensada na Universidade do País Vasco; Ricardo Guerrero, catedrático de Microbioloxía da Universidade de Barcelona; Eugenio Domínguez, catedrático de Botánica da Universidade de Córdoba; Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, e Andreu Mas Colell, catedrático de Economía da Universidade “Pompeu Fabra”.

“Cultura con Ciencia” tamén desenvolverá a iniciativa “Magister Gallaeciae”, que consiste na realización de varias “leccións maxistrais” por parte de importantes e acreditados científicos e investigadores de Galiza. Unha ocasión de recoñecer a excelencia científica e a dedicación a unha tarefa de investigación de forma prolongada.

Ademais destas actividades, o Programa “Cultura con Ciencia” dará os seus froitos con dúas publicacións. Por unha banda, o “Álbum da Ciencia”, iniciativa que xa está en marcha e que consiste na difusión a través do portal web do CCG, http://www.culturagalega.org, das biografías dos “pensionados” galegos na “Junta para Ampliación de Estudios”, da que este ano se cumple o centenario. Entre os biografados atópanse personaxes como Nóvoa Santos, Parga Pondal, Rodríguez Castelao, María Barbeito, Cruz Gallástegui, Martínez-Risco, Olimpia Valencia, Aniceto Charro, Varela Radío, etc. Tamén se levará a cabo a edición de “Os dados do reloxeiro II”, unha nova edición impresa de artigos sobre divulgación científica publicados polo científico Xurxo Mariño en http://www.culturagalega.org/

PROXECTO SARMIENTO

O Consello da Cultura Galega leva a cabo o Proxecto Sarmiento desde 2004 coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria e co obxectivo de recuperar as obras completas de Frei Martín Sarmiento. Para culminar este proxecto, o convenio asinado agora contempla a realización dunha Guía de Fondos e, na Obra de 660 pregos, a busca e recompilación de láminas, gravados e debuxos citados no texto polo propio Sarmiento ou emparentados con temáticas ou autores nas que o erudito se detén. Aos cinco volumes que conforman esta Obra engadirase un sexto volume que acolle a edición crítica, resultado do labor dun rigoroso equipo multidisciplinar de especialistas.

Por último, acometerase a difusión a través de internet da obra de Sarmiento co obxectivo de facilitar o acceso aos estudosos e ao gran público en xeral. A magnitude e complexidade do corpus textual deste autor, figura capital da Ilustración, converten a internet no soporte idóneo para a súa difusión.