----

O CCG colabora na celebración do Any Llull en Santiago de Compostela

O Consello da Cultura colabora na conmemoración do Any Llull en Santiago de Compostela cunha xornada de análise e debate sobre a figura do escritor e pensador catalán Ramon Llull, organizada pola Area de Filoloxía de Catalá (Departamento de Filoloxía Galega) da USC. Esta actividade, que se enmarca tamén nas liñas de colaboración co Institut Ramon Llull, forma parte dun amplo programa de actos enmarcados no Any Llull (2015-2016), que conmemora o 700 aniversario da morte do creador do Llibre d’amic e amat.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O CCG colabora na celebración do Any Llull en Santiago de Compostela

A xornada inaugurarase mañá xoves 10 de novembro de 2016 ás 16:00 h no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, coa participación do coordinador da Sección de Ciencia do CCG, Francisco Díaz-Fierros. Posteriormente, contará coa conferencia inaugural de Joan Santanach, comisario do Any Llull e profesor da Universitat de Barcelona. A continuación, Josep Lluís Martos disertará sobre "Llull y la conversión de los infieles: caballeros y clérigos". Andratx Badia, Miguel Álvarez Soaje, Martin González Fernández e Fernando Domínguez Reboiras abordarán a presenza de Ramon Llull na erudición e investigación galegas. Finalmente haberá un recital poético El Verger de l´Amat, a cargo da actriz da actriz Montse German e do músico Ferran Pisà, a apartir do Llibre d´amic e amat de Ramon Llull.

Ramon Llull é un dos escritores e pensadores máis salientables da Idade Media, non só dos territorios de fala catalá, senón de toda a tradición europea. As súas achegas foron relevantes nos diversos ámbitos do saber da súa época: filosofía, teoloxía, dereito, medicina, a astronomía, a retórica ou lóxica. Ademais, creou unha sólida obra literaria que debemos situar nos inicios da tradición literaria catalá e que inclúe títulos emblemáticos como o Blaquerna —co Llibre d’amic e amat—, o Llibre de les bèsties ou o Llibre del gentil.