----

O consumo cultural recupérase en Galicia por primeira vez desde 2008

Máis investimento familiar en publicacións periódicas, Internet e servizos culturais e espectáculos fan que Galicia sexa a comunidade autónoma con maior crecemento en consumo cultural do Estado, con 635 millóns de euros en 2015 e un 15,9% de suba con respecto ao ano anterior, segundo recolle un informe do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega.
O consumo cultural recupérase en Galicia por primeira vez desde 2008

A poboación galega gastou máis de 635 millóns en cultura en 2015, o que supón un incremento dun 15,9% con respecto ao ano anterior, uns 548,6 millóns. Trátase dun dato moi relevante xa que supón unha recuperación do consumo cultural por primeira vez desde os inicios da crise desde 2008, cando en Galicia se gastaba 827,2 millóns de euros en consumo cultural. Deste xeito, os galegos gastaron en cultura uns 78,1 euros máis que o ano anterior, sendo a comunidade na que máis se incrementou o consumo de cultura. O consumo medio por fogar é nestes momentos de 587,7 euros. Malia iso, Galicia sitúase no undécimo posto nas comunidades autónomas en gasto cultural, sendo a líder Cataluña, con 795,8 euros e a última do posto Estremadura con 379,9. No conxunto de España, o saldo é lixeiramente negativo (-0,3).

O incremento de gasto cultural de Galicia concentrouse en publicacións periódicas, tratamento a información e Internet, espectáculos e, sobre todo, en outros servizos de bens culturais non contemplados nos anteriores. Entre as potenciais causas, o Observatorio da Cultura Galega do CCG sinala o descenso dos prezos dalgúns bens e servizos culturais (sobre todo equipos informáticos ou audiovisuais) e o aumento da confianza dos consumidores, que pasou dun 40% hai catro anos ao 70% en 2015. O gasto medio por persoa en cultura é de 235 euros en Galicia, fronte aos 320,8 de Cataluña.

Analizando en detalle os resultados dedúcese que os galegos fan un gasto superior á media estatal en consumo de publicacións periódicas e no epígrafe de outros servizos culturais. Apréciase un desinterese paulatino polos libros, o único dos subgrupos que rexistra un descenso dentro do consumo.

Os datos foron procesados polo Observatorio da Cultura Galega a partir da Enquisa de Presupuestos Familiares, o Índice de Prezos ao Consumo (ambas as dúas do Instituto Nacional de Estatística) e A Enquisa coxuntural a fogares, do Instituto Galego de Estatística.

Pode descargar o informe en consellodacultura.gal.