----

O CCG presenta as actividades para o ano 2017

O Consello da Cultura Galega celebrou onte o seu primeiro pleno anual, coa asistencia do presidente de honra da institución, Alberto Núñez Feijóo. O Presidente do CCG, Ramón Villares, fixo un balance da actividade do ano 2016 e presentou as principais liñas e actividades para 2017. Entre os fitos destacados do vindeiro ano serán as actividades vinculadas a Carlos Casares, ás Irmandades da Fala ou un encontro cultural Galicia-Bretaña.
O CCG presenta as actividades para o ano 2017

O Consello da Cultura Galega celebrou onte pola tarde o primeiro plenario do ano, no que se realizou un balance da actividade levada a cabo en 2016 e na que o Presidente do CCG, Ramón Villares, presentou as principais liñas de acción e eventos planificados para 2017. Ao pleno tamén asistiu o presidente de honra da institución, o Presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo.

Carlos Casares no Día das Letras
A figura cultural e literaria de Carlos Casares, que ademáis de editor foi presidente do CCG, ocupará unha parte importante da programación cultural do Consello da Cultura Galega, co gallo do Día das Letras Galegas. Deste xeito, o CCG dedicará o Concerto das Letras deste ano ao escritor, fará unha edición institucional de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e organizará un seminario que analizará a figura de Carlos Casares como mediador cultural.

O CCG continuará coa organización do ciclo Encontros co Patrimonio, que naceron ao fío da nova lei de Patrimonio Cultural pero que espertaron un gran interese entre os especialistas e a cidadanía, canda a realización de informes, cada vez máis demandados por entidades do terceiro sector, ao redor de cuestións vinculadas á xestión do patrimonio cultural local. En 2017 celebraranse encontros sobre Turismo e patrimonio, ou sobre “Os montes comunais: a súa consideración”.

As Irmandades da Fala
A institución continuará homenaxeando as Irmandades da Fala cunha exposición sobre Coros Galegos e as Irmandades da fala, no centenario de creación destas primeiras agrupacións musicais e celebrando en outubro un congreso internacional sobre cultura e política na Península Ibérica no periodo de entreguerras, dirixido por Ramón Máiz. Ademáis, séguense a dixitalizar contidos vinculados ás Irmandades para o repositorio dixital do CCG.

E seguindo o ronsel de encontros celebrados previamente no CCG como Galicia-Finlandia ou Galicia-Irlanda, o CCG celebrará, en colaboración coa Universidade de Rennes, un encontro cultural
Galicia-Bretaña.

O CCG participará canda o CSIC e a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes nun proxecto de investigación e difusión de editores iberoamericanos, redactando varias voces do proxecto dando conta a vida de determinados editores galegos, sinalados no proxecto.
Encontros con gran diversidade de temáticas

No 2017 o CCG realizará congresos sobre diferentes ámbitos temáticos, abranguendo un amplo abano dos intereses da cultura galega. Desde “Violencia de xénero a novas tecnoloxías”, “A industria cultural galega no horizonte 2015” ou “A situación profesional da música e das artes escénicas”, entre moitos outros.

Asímesmo, O CCG conmemorará o centenario da publicación da Teoría da Relatividade de Albert Einstein, realizando a primeira tradución ao galego e edición desta emblemática obra da ciencia do século XX.

Exposicións fotográficas
O CCG realizará ademáis dúas exposicións de ámbito fotográfico: A illa rota. A cidade da Coruña da II República ao franquismo, con fotos de Cancelo, e A Galicia retratada de Anna Turbau.

Lusofonía
Tras ser incorporado á Comunidade de Países en Lingua Portuguesa como observador consultivo en 2016, o Consello da Cultura Galega iniciará en 2017 as súas actividades no marco desta entidade internacional para visibilizar a cultura e a lingua galegas.